Novos Cinemas fai balance da súa edición máis internacional

Entre os pasados 11 e 16 de decembro, a cidade de Pontevedra acolleu a terceira edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas. Durante seis intensos días a cidade do Lérez encheuse de cinema, música, formación no eido audiovisual, proxectos, asesoramento e foi punto de encontro e conversa entre os creadores e creadoras e os múltiples asistentes que acudiron ás salas de proxección. Os obxectivos trazados pola organización para esta edición víronse amplamente cumplidos, establecéndose arredor de catro eixos vertebradores como son:

1. Internacionalización da nosa cinematografía. O próximo ano Novos Cinemas saltará o Atlántico e farao cunha xira por Cidade de México, Querétaro e Tijuana (México) e Bogotá (Colombia) coa que dará a coñecer o audiovisual galego e máis o europeo. A acción é froito das alianzas tecidas polas empresas locais e o Concello de Pontevedra durante a viaxe comercial-institucional que visitou México no 2017. Paula Astorga, ex-directora da Filmoteca Nacional de México, profesora da Universidade Centro e membro do xurado internacional desta edición do festival, constitúe o piar americano e que terá lugar na vindeira primavera.

Esta foi unha edición que contou cun importante grupo de cineastas do país achegando as súas obras tanto a público como a profesionais do sector de recoñecemento internacional: Ángel Filgueira e Andrés Sanjurjo participaron no LAB, Luis Bértolo, Toño Chouza e Anxos Fazáns nas Consultas Abertas, Diana Toucedo e David Hernández achegáronlle os seus filmes a alumnado da ESO e Bacharelato -ademais de participar na Sección Oficial no caso de Toucedo-, Eloy Domínguez Serén clausurou o festival coa proxección de Hamada, proxectouse a longametaxe Nocturno: fantasmas de mar en porto de Álvaro Fernández-Pulpeiro e a cineasta Jaione Camborda foi a protagonista dun encontro co público no que amosou o seu proceso creativo e as liñas mestras e motivos recorrentes no seu traballo.

2. Detectar, visibilizar e apostar polo talento emerxente. Durante esta edición de Novos Cinemas púidose contar coa presenza de realizadores e realizadoras internacionais que presentaron os seus primeiros ou segundos filmes dentro das seccións competitivas do festival: Graham Swon (The world is full of secrets), Clement Schneider (Un violent desir de bonheur), María Anton Cabot (<3), José María Avilés (La muerte del maestro), Armand Rovira e Saida Benzal (Letters to Paul Morrisey), André Gil (Drvo/A árvore) ou Marina Lameiro (Young & Beautiful).

3. Fomentar a formación audiovisual da cidadanía ao longo de todo o ano. A formación e a divulgación audiovisual canalizáronse a través de #AULA, o programa formativo de Novos Cinemas, que aglutina obradoiros de pre-cinema,os programas internacionais CinEd e Cinema en Curs ou encontros con cineastas despois do visionado dos seus filmes. Alén disto, dez estudantes do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo asistiron ao obradoiro “Un camiño posible”, impartido polo cineasta Eloy Enciso; e os asistentes ao festival puideron compartir unha mañá con Teresa Villaverde -homenaxeada nesta edición- para afondar no proceso creativo da directora.

4. Favorecer a conversa entre diversos axentes do sector audiovisual e entre cineastas e público. Esta edición de Novos Cinemas tamén funcionou como punto de encontro do sector audiovisual e escaparate do traballo feito en Galicia arredor deste eido. No #LAB, o espazo reservado para o asesoramento de cineastas noveis á hora de desenvolver os seus proxectos, Fernando Franco, Felipe Lage, Diana Santamaria e Mercedes Martínez compartiron varias xornadas de traballo arredor dos proxectos de cineastas emerxentes.

O encontro entre profesionais do sector tamén estivo presente, tanto na visita que a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) fixo ao festival, como na ‘Mesa café educación e cinema’ con Paula Astorga e Manolo González e a ‘Mesa festivais de cinema’, na que Beli Martínez, Pablo de María Díaz, Cintia Gil e Ángel Sánchez abordaron o contexto dos pequenos festivais independentes como plataformas para a visibilización do cinema contemporáneo, e as sinerxias entre o eixo galaico-portugués.

Para fomentar os lugares de conversa máis alá das salas de cinemas, o festival inaugurou nesta terceira edición as #NOITES, unha programación que Novos Cinemas artellou en colaboración coa Sala Karma unha programación musical aglutinando propostas moi variadas: pinchada do Galician Bizarre, concertos de bandas como Selvática, Pantano, Trompas de Farlopio, Glitter & Litter, Esposa, Disco Las Palmeras! ou Rayotaser.

Apoios fundamentais

O festival Novos Cinemas é un evento organizado pola asociación Novos Cinemas e Matriuska e que conta co apoio de institucións coma o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Axencia Galega das Industrias Culturais -AGADIC- e a Universidade de Vigo a través da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; e o patrocinio das empresas privadas Galicia Calidade, Sabora, Marqués de Vizhoja, Froiz, Hotel Galicia Palace, Numax. Ademais, para que o evento poida levarse a cabo tamén resulta fundamental a colaboración de Iconweb, Ticketea, Hotel Rúas, Hotel Virgen del Camino, Vermú Petroni, El cafetín, Liceo Casino de Pontevedra e Sala Karma; de entidades e asociacións como a Portugal Film, CGAI, Cinemateca Portuguesa Museu do Cinema, CinEd, Cinema en curs, Taller abierto – gestión cultural, CREA; e de medios de comunicación como a CRTVG, A Cuarta Parede e Caiman Cuadernos de Cine.

CATEGORÍAS