A ruandesa ‘The Bride’ triunfa como mellor película e mellor dirección no festival Novos Cinema

A película ruandesa ‘The Bride’, dirixida por Myriam U. Birara, é a gran triunfadora da oitava edición do festival pontevedrés Novos Cinemas ao lograr o Premio Novos Cinemas á mellor película da Sección Oficial e o Premio Xurado Novo á mellor dirección na mesma sección. A outra longametraxe máis valorada foi ‘An evening song (for three voices)’ de Graham Swon, con dous importantes recoñecementos, o Premio do Xurado da crítica e o do público.

O veredicto do xurado, composto por Gloria Benito, Silvia Cruz e Helena Wittman, tamén outorgou dúas mencións especiais: unha para ‘Peter Pan’, de Natacha Samuel e Florent Klockenbring, ‘por elixir non medrar e poder amar a todes’ e outra para ‘There is a stone’, de Tatsunari Ota, ‘por conseguir contar un encontro improbable a través de espazos intermedios e momentos de silencio’.

O xurado Internacional destacou de ‘The Bride’, ópera prima de Myriam U. Birara, “a súa capacidade para transformar unha situación violenta nun emotivo testemuño de amor e solidariedade, empregando unha narrativa aparentemente sinxela que enriquece a historia con destreza e harmonía”. A película narra o drama social dos matrimonios forzados que sofren moitas mulleres en Ruanda.

O Premio Xurado Novo, outorgado por Daniel Filloy, Rebeca Tella, Miguel López, Ash Diz e Laura Somoza, foi para ‘The Bride’. O xurado destacou “a evidencia dunha mirada, no seu retrato sensible e natural dunha realidade complexa, unha posta en forma impecable e un gran traballo co reparto”.

O Xurado Latexos da edición 08 de Novos Cinemas, conformado por Ana Matilde Uslenghi, Xan Viñas e Sergio Casteleiro, outorgou a ‘Zimmerwald’, de Valeria Stucki, o Premio Latexos, “pola súa aproximación á historia e a súa vinculación co espazo público e como é pensado dende a contemporaneidade, ofrecendo unha perspectiva contemporánea que cautiva”.

Gerard Casau, Jesús Silva e Daniela Urzola concederon o Premio do Xurado da crítica a ‘An evening song (for three voices)’ do norteamericano Graham Swon, “polo seu olhar singular á tradición do gótico americano a través dunha linguaxe fílmica onde palabra e imaxe se conxugan en equilibrio e por seguir abrindo camiños inusitados no verdadeiro cine independente estadounidense que reivindica o valor artesanal”. Swon foi un dos directores presentes no Teatro Principal nesta edición do festival.

O Premio do Público, seleccionado pola audiencia do festival, distinguiu de novo a ‘An evening song (for three voices)‘, consolidando o seu lugar como unha das preferidas nesta edición.

CATEGORÍAS