Baixo o influxo de Chris Marker, LATEXOS promove a interacción entre imaxes e sons que aspiran a nutrirnos evitando calquera ortodoxia ou dogma.
Documentais sobre comunidades europeas comparten protagonismo con propostas ficcionais na octava edición de Novos Cinemas. A vida cotiá dunha poboación de Extremadura que intenta adaptarse á transformación dun rural que revela un futuro incerto para a súa poboación máis nova, encontra certo eco nos protocolos de investigación e rememoración dunha efeméride capital na historia do proletariado do século XX acontecida nunha descoñecida localidade suíza. Pola súa banda, o eido da ficción revela o seu interese polos itinerarios emocionais: ben sexan as vicisitudes dun heteroxéneo grupo de xoves bonaerenses que orbitan ao redor dun amigo músico, ben sexan os encontros e as conversas de seres que comparten o seu gusto pola secular sedución de narrar e escoitar historias.