GERARD CASAU
(Barcelona, 1985) Crítico, programador e docente. Doutor en Estética dos Medios Audiovisuais (UPF), e membro do comité de selección de FICX (Gijón) e de Sitges (FIC Fantástico de Cataluña), onde coordina a sección Seven Chances. Foi xefe de redacción en Rockdelux, e colabora en medios como Diari ARA, Dirigido por e So Film, onde publica a columna Radio On, consagrada ao entrecruzamento entre o cinema e a música rock. Imparte, entre outras, a materia Universos Sónicos (Máster Universitario en Estudios de Cinema e Culturas Visuais, ESCAC). Participou en numerosos libros colectivos como Cuerpos invadidos. Videodrome de David Cronenberg: Larga vida a la nueva carne, Takashi Miike. La provocación que llegó de Oriente, Neoculto e na antoloxía Cine fantástico y de terror español. Traballou no departamento de prensa do Primavera Sound, onde foi coordinador de programación e responsable de comunicación de Primavera Pro, encontro internacional do sector musical organizado polo festival.
JESÚS SILVA
(Palmeira, 1993) Graduado en Xornalismo (USC), especializado en crítica cinematográfica e produción audiovisual. Colaborou con medios internacionais e organizacións como Cineuropa, o Premio do Público LUX do Parlamento Europeo ou as asociacións Europa Distribution e Europa Cinemas. Dende finais do 2020, dirixe a revista dixital de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, labor que compaxina co seu traballo como freelance para distintos medios, festivais e produtoras. No 2017 formou parte do xurado oficial da sección Giornate degli Autori na Biennale (Venecia), como parte do programa 27 Times Cinema, e desde 2018 encárgase da coordinación editorial do proxecto para Cineuropa. Tamén traballa en varios festivais galegos como Curtocircuíto ou a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, e dende 2022 colabora no Diario Cultural Zeta da Radio Galega como experto en audiovisual.
DANIELA URZOLA
(Cartagena, Colombia, 1992). Crítica de cine, programadora e investigadora. Redactora da revista Caimán Cuadernos de Cine, tamén forma parte do consello de redacción do medio dixital Revista Mutaciones. En 2020-2021 cursou o Máster de la Crítica Cinematográfica da ECAM (Escuela del Cine y del Audiovisual de Madrid) e actualmente forma parte do seu profesorado. A inicios de 2023 incorpórase ao equipo de programación de FILMADRID Festival Internacional de Cine. Colaborou en publicacións como Pier Paolo Pasolini. El grito que no cesa (2022) e La mitad del mundo. Mujeres en el cine español (2020-2023). As súas investigacións focalízanse no estudo do cinema e a cultura visual desde unha perspectiva interseccional, mostrando un especial interese polo cinema fantástico e de terror.