// Pezas do Obradoiro con HELENA GIRÓN e SAMUEL M. DELGADO

13 DEC.
16.30h.
Teatro de Pontevedra


Pezas do alumnado do campus realizadas no obradoiro impartido por HELENA GIRÓN e SAMUEL M. DELGADO

COMO VIBRACIÓNS A TRAVÉS DO ESPAZO

Así poderíanse definir algunhas das películas que nos tocan e atravesan. Películas nas que a narración e a experiencia conviven afectándose mutuamente, intentando ofrecer novos vieiros e perspectivas sobre o que nos rodea.
Durante o tempo que durou este obradoiro, e mediante a constante interacción entre práctica e teoría, exploramos fontes que abordaban o cinema desde unha perspectiva ampla e heterodoxa, e nas que a linguaxe asociativa e a sensorialidade xogaban un papel capital.
Partindo da divisa de que imaxe e son imantan e estruturan a creación cinematográfica, o alumnado explorou diversas vías de interacción e relación entre ambos coa finalidade de que escolleran as máis acordes aos seus obxectivos iniciais.
Neste contexto, o alumnado desenvolveu dez proxectos de curtametraxes que se idearon e formalizaron ao longo das distintas fases nas que se estruturou este obradoiro.
Na primeira sesión formulouse un contexto que favoreceu a inmersión e a inspiración estético-temática do estudantado. O obxectivo primordial desta sesión foi que cada estudante descubrira “modelos” de expresión cinematográfica que puidesen estimular tanto a xénese da súa proposta (a idea motriz), como a súa conseguinte formulación.
Na segunda sesión, promoveuse un visionado inicial dos filmes, comprobando que algunhas curtametraxes estaban en estado larvario, mentres outras amosaban un significativo avance no seu proceso de ideación e estruturación. A devandita sesión permitiunos asesorar e orientar pormenorizadamente cada proxecto coa intención de promover as metodoloxías máis axeitadas cara o seu futuro desenvolvemento, evitando así desvirtuar a esencia e a casuística de cada proposta.
Na terceira e última sesión, procedemos dun xeito semellante ao dos traballadores manuais e artesáns, ultimando axustes e pulindo detalles cara a montaxe final de cada curtametraxe para a súa posterior exhibición pública na sesión inaugural da Edición 07 de Novos Cinemas.

Licenciados en Comunicación Audiovisual e no Máster de Guión de Cine e TV da Universidade Carlos III de Madrid, os cineastas, investigadores, docentes e artistas audiovisuais Helena Girón (1988, Santiago de Compostela, España), e Samuel M. Delgado (1987, Tenerife, España), evidencian as relacións que se establecen entre mitoloxía, historia e materialismo. As súas curtametraxes -Plus Ultra, Montañas ardientes que vomitan fuego ou Sin Dios ni Santa María, entre outras-, exhibíronse en festivais internacionais como Toronto, Locarno, Nueva York ou Ann Arbor, obtendo galardóns no Festival des Cinémas Différents, no Media City Film Festival ou no Festival das Palmas de Gran Canaria, entre outros.
No eido da videoinstalación e a performance idearon propostas para prestixiosos centros de arte contemporánea como o CCCB (Barcelona), BAM (Nova York), TEA (Tenerife) ou Solar (Vila do Conde). A súa primeira longametraxe, Eles transportan a morte (2021), estreouse mundialmente na Biennale de Cinema (Venecia), obtendo premios neste festival, en Zinemaldia (Festival Internacional de Cine de San Sebastián) ou en Novos Cinemas (Pontevedra), entre outros. Posteriormente, o filme exhibiuse en prestixiosos certames como os de Rotterdam, El Cairo, Mar del Plata, Viennale, Hamburgo ou São Paulo.
Desde hai varios anos, Helena e Samuel desenvolven tarefas docentes na ECAM, Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de Madrid, na EQZE, Elías Querejeta Zine Eskola, en San Sebastián, e no IFIC, Instituto de Formación e Investigación Cinematográfica, en Tenerife.