Novos Cinemas estrea vídeo de cabeceira, asinado por Berio Molina, e presenta o seu xurado

Hoxe publicamos o vídeo de cabeceira da oitava edición do festival, asinado por Berio Molina, artista e cineasta da Fonsagrada que compaxina a súa actividade artística coa investigación na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Berio Molina traballa actualmente na súa segunda longametraxe, As Aspas, xunto á produtora galega Sétima, e na curtametraxe Furada Negra. Unha memoria do inframundo

Nesta edición, o artista imparte o taller A xogos coa realidade en colaboración coa Universidade de Vigo, ao mesmo tempo que asina a cabeceira do festival,  que, según Suso Novás, director artístico de Novos Cinemas, “serve como coda ao taller A Xogos coa realidade e como radical e sensorial contrapunto audiovisual ao deseño conceptual da presente edición.”

“Berio Molina utiliza imaxes e sons tomados da realidade contemporánea máis estrita para reflexionar formalmente sobre a nosa historia máis recente, mentres nos lembra que o cinema nace da afortunada alquimia entre o tempo e o espazo, entre a mirada e a escoita, e como non, entre o encadre e o fóra de campo”, explica Novás. 

Os catro xurados entregarán os premios nesta edición 08

Desvelamos tamén hoxe algúns dos nomes das persoas dos diferentes xurados que outorgarán os premios desta oitava edición de Novos Cinemas. 

O Xurado Internacional estará formado por Silvia Cruz, distribuidora,  produtora brasileira e fundadora de Vitrine Filmes, clave no éxito internacional do Novísmo cine brasileiro; Gloria Benito, programadora e membro do comité de selección do Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria; e Helena Wittman, artista, cineasta e  titora internacional da Elías Querejeta Zine Eskola. 

O Xurado Latexos compóñeno Xan Viñas, director, comunicador e programador do cine NUMAX; Sergio Casteleiro, crítico e traballador no DUPLEX Cinema; e Ana Uslenghi, crítica e socia traballadora de Zumzeig Cinecooperativa. 

O Xurado da Crítica terá a Gerard Cassau, crítico, programador, docente e membro dos comités de selección do FICX (Xixón) e de Sitges (FIC Fantástico de Cataluña); Daniela Urzola, crítica de cine, programadora, investigadora e redactora da revista Caimán Cuadernos de Cine; e Jesús Silva, director da revista dixital de crítica cinematográfica A Cuarta Parede e colaborador con medios internacionais como Cineuropa, con organizacións como o Premio de Cine LUX do Parlamento Europeo ou con asociacións como Europa Distribution e Europa Cinemas.  

O Xurado Novo integrarano alumnado da Universidade de Vigo.

CATEGORÍAS