Por Primeira ou última vez

Películas que resplandecen como cometas na noite. Cineastas que desafían os seus límites cunha paixón e intensidade inefable. Por primeira ou última vez -sección baixo o influxo permanente de Nick Ray, fulgurante e fronteirizo realizador- propón unha celebración dun cinema alleo a actualidades e tendencias, revisitando películas feitas de raros e belos momentos nos que os cineastas, xa sexa por ousadía ou mera necesidade, lograron que as súas imaxes escintilasen como só poden facelo as primeiras e últimas veces.

Nesta ocasión, a investigadora e programadora Elena Oroz seleccionou The Watermelon Woman (1996), primeira película dirixida pola realizadora e guionista estadounidense de orixe liberiana Cheryl Dunye, eximia expoñente dun cinema que exploraba cuestións de identidade, xénero, raza, sexo, etc., desde unha perspectiva persoal e autobiográfica que aspiraba a amplificar a mera posición teórica. Da man de Elena Oroz descubriremos por que The Watermelon Woman é un dos fitos do cinema militante dos anos noventa.

17 DEC.
16.30h.
Teatro de Pontevedra

THE WATERMELON WOMAN
Estados Unidos | 1996 | 83′ | Cor |
ESTREA EN GALICIA

En The Watermelon Woman, Cheryl, unha incipiente cineasta lesbiana negra, interpretada pola propia Dunye, proponse facer un documental sobre Faith Richardson, unha antepasada cinematográfica perdida que descobre nas películas raciais da década de 1930. Dun xeito lúdico, alternando entre película de 16 mm e a radical e efémera estética granulada da cinta de vídeo dos 90, Dunye superpón retallos da súa vida cotián con fragmentos de arquivo en branco e negro sobre Richardson, coñecida no seu tempo como a muller sandía.

Cheryl Dunye (1966, Monrovia, Liberia), xurdiu como parte da nova onda queer de novos cineastas a principios da década de 1990 coa súa primeira longametraxe, The Watermelon Woman (1996), que gañou o premio Teddy á mellor película na Berlinale de 1996. A película, agora un clásico, foi restaurada en 2016 polo seu vixésimo aniversario, forma parte da colección permanente do MoMA, NY. Tras The Watermelon Woman e Stranger Inside (2001), Cheryl escribiu e dirixiu varias películas, incluídas The Owls (2010), Mommy is Coming (2012) e Black is Blue (2014). O seu debut como directora de televisión comezou en 2017 con Queen Sugar, de Ava Duvernay. Desde ese momento, dirixiu capítulos de series como Claws (TNT), The Chi (Showtime), Star (FOX), Dear White People (Netflix), All Rise (CBS) e Lovecraft Country (HBO), entre outras.

CLASE MAXISTRAL CON ELENA OROZ

Sexualidade, raza, mentiras do arquivo e cintas de vídeo

The Watermelon Woman (1996) é a primeira longametraxe de Cheryl Dunye (1966, Liberia). A cinta pecha o ciclo do que ela denominou Dunyementaries, unha serie de vídeos de carácter autobiográfico onde a subxectividade e a identidade deveñen espazos de intervención cultural e política. Nas súas propias palabras, “estaba farta da falta dun imaxinario lesbiano negro no mundo, así que decidín facer algo respecto diso. Useime a min mesma como paisaxe, mesturando os feitos, as ficcións e as cuestións narrativas. Convertéronse no que cariñosamente denominei Dunyementaries, unha mestura de cinema, vídeo, amigos e paixón artística”.

O filme destaca polo seu cuestionamiento do arquivo (como un espazo regulado, pero aberto á figuración de memorias e xenealoxías alternativas), a súa fragmentación narrativa, a súa estética de baixa resolución propia do vídeo e un sentido do humor tan lixeiro como irreverente. Neste sentido, o público poderá atopar ecos cos traballos doutras cineastas experimentais como Su Friedrich ou Barbara Hammer, así como con algunhas das comedias norteamericanas de baixo orzamento máis representativas da década de 1990, como Clerks (Kevin Smith, 1994) ou Go Fish (Rose Troche, 1994), esta última tamén clave na articulación do novo cinema queer. Como apunta un rótulo final -que non desvelamos- The Watermelon Woman segue a resultar un filme vixente e necesario pola súa consideración da Historia e a súa escritura como un espazo de contestación. E aí hai moito en xogo.

Esta clase maxistral é resultado do proxecto de investigación “El documental institucional y el cine de aficionado coloniales: análisis y usos” (PID2021-123567NB-I00), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Gobierno de España.

Elena Oroz (1978,Soria, España). Profesora axudante doutora da Universidade Carlos III de Madrid no Departamento de Comunicación, membro do grupo de investigación TECMERIN e do Instituto Universitario de Cinema Español da mesma universidade. As súas áreas de estudo son o documental, o cinema español e a teoría fílmica feminista. É autora de máis de 20 capítulos de libros e artigos publicados en revistas académicas e coeditou, entre outros, os libros Lo personal es político. Documental y Feminismo / The Persoal is Political. Documentary and feminism (Gobierno de Navarra, 2011) e Entrevistas con creadoras del cine español contemporáneo. Millones de cosas por hacer (Peter Lang, 2021). Pertence á Asociación Mujeres y Cine, MyC, e á Rede de Investigación Audiovisual de Mujeres Latinoamericanas, RAMA.

Páxina web: www.elenaoroz.com