RETROSPECTIVA: TERESA VILLAVERDE

Achegámonos nesta ocasión a unha das cineastas máis carismáticas –e atrevémonos a dicir, case descoñecidas– do cinema europeo contemporáneo.

Pioneira da reconversión estética que se produciu no cinema portugués a principios da década dos noventa –xunto a cineastas como Pedro Costa ou Manuel Mozos–, Teresa Villaverde amalgama no seu cinema significativos e arriscados achados estéticos cun posicionamento ideolóxico radical.

A incomunicación, os conflitos dunha adolescencia desorientada, a marxinalidade provocada polas sucesivas crises económicas, a cousificación dos suxeitos e a súa conversión en mera mercancía afloran nunha poética devastadora e concisa, mais non exenta dunha singular beleza.

A selección de filmes da directora lisboeta acompañarase ademais dun seminario no que a propia cineasta falará sobre o seu proceso de creación.


Teresa Villaverde nace en Lisboa en 1966. Nos anos oitenta participa como actriz, coautora e  codirectora no Grupo de Teatro da Escola de Belas Artes de Lisboa e actúa na película À Flor do Mar, de João César Monteiro. Traballa con Paulo Rocha, José Álvaro Morais  e como coguionista con João Canijo en A Filha dá Mãe. A principios dos noventa comeza a súa actividade como directora, escribindo sempre os guións das súas películas. As súas películas presentáronse en festivais como Cannes, Venecia e Berlín. Programáronse retrospectivas sobre a súa obra en Francia, Italia e España. Colabora coa Universidade de Évora (Portugal) e a  Haute École d’ Art et du Design de Genève (Suíza). Co obxectivo de producir as súas propias películas, crea, en 2010, a produtora Alce Filmes.

 

Filmografía escollida:

A Idade Maior (1991)

Três Irmâos (1994)

Os Mutantes (1998)

Água e Sal (2001)

Transe (2006)

Cisne (2011)

Colo (2017)

O Termómetro de Galileu (2018)