AMPLIACIÓN! Prazo de recepción de obras aberto ata o 25 de setembro

Continúa aberto o prazo para presentar filmes para participar na Edición 07 de Novos Cinemas – Festival de Cine Internacional de Pontevedra, que se desenvolverá entre o 13 e o 18 de decembro deste mesmo ano na cidade do Lérez.

NOVOS CINEMAS é un festival de cine aberto a cineastas emerxentes de todo o mundo que conta con dúas seccións competitivas de ámbito internacional: a Sección Oficial e Latexos, destinada a dar visibilidade a producións de factura máis fráxil e íntima. Poderán inscribirse todas aquelas longametraxes (a partir de 60 minutos) que supoñan a primeira ou segunda obra dos seus realizadores e realizadoras. Serán admitidos traballos producidos, ou cuxa estrea mundial tivese lugar, despois do 1 de xaneiro de 2022, sempre que non fosen estreados comercialmente en España, nin exhibidos en circuitos de televisión públicos ou privados no momento da súa inscrición a concurso. 

O período de admisión de filmes estenderase dende hoxe mesmo ata o 10 de setembro de 2022.
EXTENDED DATES: 25 SETEMBRO de 2022

Podedes acceder aquí á INSCRICIÓN e ás BASES.

Xurados e premios

O festival NOVOS CINEMAS concederá cinco premios:

  1. Un Xurado Internacional outorgará o Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial, cunha dotación económica de 2.000€.
  2. Un xurado composto por un grupo de estudantes universitarios, pertencentes ao Campus de Pontevedra (UVIGO) e seleccionados pola organización do festival, outorgará o Premio XURADO NOVO da Sección Oficial.
  3. Un xurado composto por profesionais da crítica cinematográfica outorgará o Premio da CRÍTICA á mellor longametraxe da competición.
  4. O Premio LATEXOS, concibido gracias á colaboración da Cooperativa NUMAX, DUPLEX Cinema, da Cooperativa Zumzeig, do Círculo de Bellas Artes e de CineCiutat, supón a exhibición comercial da película premiada en dita sección NUMAX (Santiago de Compostela), en DUPLEX Cinema (Ferrol), no Círculo de Bellas Artes (Madrid), na sala Zumzeig (Barcelona) e en CineCiutat (Palma de Mallorca), ademais dunha dotación económica de 500€ en forma de bolsa para o filme premiado.
  5.  Mediante a participación e o concurso dos espectadores e espectadoras outorgarase o Premio do PÚBLICO.

CATEGORÍAS