Palmarés Novos Cinemas 05

O Xurado Internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, concédelle o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial a ‘IL N’Y AURA PLUS DE NUIT’, de Eléonore Weber, “por ser unha película que, a través dunha narración sobria e precisa, convida a unha reflexión poliédrica sobre a relación Norte-Sur, a fraxilidade do individuo así como sobre os novos valores da imaxen levándoos a un lugar no que a ética se desprende de prexuizos para facernos pensar tanto na posición da vítima como na do verdugo”.

O Xurado Internacional concédelle tamén unha mención especial a ACCIDENTAL LUXURIANCE OF THE TRANSLUCENT WATERY REBUS, de  Dalibor Baric, “por crear un intrincado universo distópico propio a partir de materiais atopados, unha película que abre as portas da percepción a partir dun minucioso traballo estético. Conxugando psicodelia, labirintos narrativos e composicións visuais imposibles, unha obra de arte pola que deixarse arrastrar”. 

O Xurado Novo formado por Alba Domínguez, Fernando Areal, Miguel Gómez, María Ramos e Ángeles Vidal despois da deliberación e o visionado dos filmes a concurso concédelle o Premio Xurado Novo á mellor dirección da Sección Oficial a: Illum Jacobi (THE TROUBLE WITH NATURE) “pola súa capacidade de xestión dos recursos e por ser capaz de contar moito con pouco. O xurado novo destaca tamén o risco, o tratamento da linguaxe cinematografica e que todos os elementos cos que se xoga estean ao servizo do relato”. 

Ademais, o Xurado Novo concédelle tamén unha mención especial a IL N’Y AURA PLUS DE NUIT de Eléonore Weber “pola súa capacidade de crear a raíz de elementos dispersos, ademais dun filme, tamén un discurso. Destacan que sexa un filme analítico no que é moi fácil entrar a través do espazo que a cineasta lle deixa ao espectador, no que destaca a figura de directora-autora”. 

O Xurado da Crítica, formado por Mariona Borrull, Toni Junyent e Ángel Suanzes, concédelle o Premio do Xurado da Crítica a TAL DÍA HIZO UN AÑO, de Salka Tiziana, “pola súa audacia para rastrexar unha ausencia que se filtra polas fendas dunha realidade familiar sofocante. Unha película tan aberta como as súas paisaxes”. 

O Xurado Latexos, formado por Manuel Asín, Ramiro Ledo, Xan Viñas e Albert Triviño, outórgalle o Premio LATEXOS a ANUNCIARON TORMENTA, de Javier Fernández. O xurado destacou moi positivamente o rigor na investigación dos documentos da historia oficial e o seu contraste co relato do pobo Bubi. Anunciaron tormenta formula un exercicio pioneiro neste país de rescate da memoria colonial de España e da súa pegada en Guinea Ecuatorial, cuxas consecuencias chegan ata os nosos días. Unha película que nos recorda que preservar a lingua dos pobos é salvar a súa memoria. O xurado destacou o valor artístico das catro películas en competición nesta edición”.  

O Premio do Público nesta quinta edición de Novos Cinemas é para DRAMARAMA, de Jonathan Wysocki.

CATEGORÍAS