A alfabetización audiovisual da cidadanía é unha das metas de Novos Cinemas. Por ese motivo continuamos desenvolvendo #AULA. Unha proposta que hibrida a transferencia de coñecemento e o intercambio de experiencias entre profesionais audiovisuais e a poboación nunha atmosfera lúdica e relaxada.
Obradoiros e proxeccións conforman as actividades de #AULA.
Imaxinativas pezas audiovisuais producidas en Vídeo-hipnose. Experimentar co cinema na era dixital. O obradoiro impartido polo artista audiovisual e cineasta burelense Adrián Canoura durante o primeiro cuadrimestre do curso académico permitirá que poidamos constatar que o talento que agroma no noso campus baixo o lema CREA ten corda para rato.
En colaboración coa ECAM, centro formativo de referencia no territorio nacional, o prestixioso cineasta Chema García Ibarra, que clausurará o festival coa súa primeira longametraxe, Espíritu Sagrado, e a directora de arte dos seus filmes, Leonor Díaz Esteve, impartirán Os entes, un obradoiro no que exporán unha metodoloxía creativa baseada na simbiótica relación entre realización e dirección de arte: verdadeiros coautores materiais dos singulares universos que caracterizan a súa produción cinematográfica.
E como sempre, unha das seccións máis queridas de Novos Cinemas: #AULA+NOVOS, con todas as actividades do festival para os mozos e mozas.