16-17 DEC.
17.00h.
Casa das Campás
Previa inscrición
OBRADOIRO impartido por Chema García Ibarra e Leonor Díaz Esteve
Todo o que está diante da cámara, xa sexa de natureza téxtil ou humana, constrúe a película. Ao enfocar así a fabricación dunha imaxe non se degrada o humano ata o nivel material, senón que se sublima o material ata o nivel humano. En resumo: as cortinas e as persoas reciben a mesma atención. Esta cunca conta o mesmo que varios diálogos ou esta gorra ten valor dramático. O proceso de selección de persoas (evitamos, xa explicaremos o motivo, a palabra casting) e o proceso de selección de mobles e indumentarias son paralelos e sinérxicos. Leonor Díaz Esteve (dirección artística e vestiario) e Chema García Ibarra (guión e dirección) falarán deses procesos conxuntos a partir das súas películas e mostrarán que, para eles, todo o que se coloca ante o obxectivo é un ente que merece o mesmo nivel de atención, agarimo e respecto.
Chema García Ibarra dirixiu e escribiu El ataque de los robots de Nebulosa-5 (2009), Protopartículas (2010), Misterio (2013), Uranes (2014), La disco resplandece (2016) y Leyenda dorada (2019, en co-dirección con Ion de Sosa), todas elas películas de ciencia ficción doméstica realizadas sen actores profesionais. As súas obras foron seleccionadas en festivais como a Quincena de Realizadores de Cannes, Sundance, Berlinale, San Sebastián, Rotterdam ou BAFICI. Entre os máis de 200 premios recibidos polas súas películas, destacan dúas Mencións de Honra en Sundance, unha Mención Especial do Xurado en San Sebastián e o Premio da Competición Vangarda e Xénero de BAFICI. Desde 2015 imparte a materia “Anti- filmmaking” na Diplomatura de Cine Documental da ECAM. Espíritu Sagrado, a súa primeira longametraxe, estreouse no Concurso Internacional do Festival de Locarno.
Leonor Díaz Esteve é unha directora de arte e deseñadora de vestiario nacida en Elxe (Alacante). Traballou nas labores de dirección artística e deseño de vestiario en todas as películas de Chema García Ibarra, así como en proxectos doutros directores como David Pantaleón (Rendir los machos) ou Velasco Broca. A súa labor na curtametraxe Misterio foi galardoada cos premios á Mellor Dirección Artística en ALCINE (Alcalá de Henares), á Mellor Dirección Artística e ao Mellor Vestiario no Festival Cinepropio (Madrid), e á Mellor Dirección Artística no Festival de Cinema de Xetafe. En 2017, gañou o Premio ao Mellor Vestiario na Semana de Cinema de Medina del Campo por La disco resplandece. Traballou en videoclips para grupos como Klaus&Kinski, Laverca Bentley, Parade ou Templeton.