UN CAMIÑO POSIBLE: Obradoiro de Cinema con ELOY ENCISO

As máis das veces, vendo unha película con amigos ou na nosa propia casa preguntamos: «Viches ese plano?». «De qué falas? Qué plano?» adoita ser a resposta. En certo xeito, a función da linguaxe (do cinema) é ser invisible. Ou, dito doutro xeito, significante á vez ca transparente. Non vemos cinema pensando: «Un primeiro plano. Agora un plano lateral. Ah, mira, un travelling, etc.». Isto sería esgotador… e probablemente estúpido. E, con todo, hai momentos en certas películas e en certos cineastas (os nosos favoritos finalmente) que nos fan sentir e tomar conciencia do medio no que nos movemos: o plano, o encadramento, o fóra de campo, o silencio… o momento do corte! A través dos xiros da linguaxe, da súa forma e beleza, dos seus paradoxos e contradicións, etc., estes cineastas fannos tomar conciencia do privilexio e do pracer que supón poder compartir e habitar este medio común, o cinema.

Penso que un dos retos dos cineastas hoxe en día é precisamente este: como afrontar o seu traballo no medio do magma audiovisual multiplataforma e globalizado no que habitamos, un contínuum de imaxes e de sons que, como ese veciño/a ou familiar con incontinencia verbal, menos nos di cantas máis palabras usa. Ou ese político/a que de tanto apelar a «a democracia» baleira de sentido o termo. Erosionáronse sentidos, contornos, funcións e lealdades desa linguaxe que chamamos cinema. Pero é neste contexto onde o cineasta ten que traballar, crear o seu hábitat, unha voz e un espazo para a escoita, o sentido e a emoción. Un camiño posible, que trataremos neste obradoiro, é o da observación e o da escoita da nosa contorna máis próxima para, a partir dela, tentar alcanzar o máximo posible de sentido e de emoción co mínimo de elementos cinematográficos. Poucos planos, non moitas palabras, apenas cortes: limitarse ao esencial é o reto.

Combinando o visionamento de exemplos de autores e de películas que traballaron desta maneira coa súa propia procura e investigación nun espazo da nosa contorna inmediata (o río Lérez), tentaremos atopar esa historia, esa persoa, ese xesto da nosa contorna que é significante, o alumno ou alumna levará a cabo a gravación e a edición da seu propio filme.

 

BIOGRAFÍA Eloy Enciso

Eloy Enciso Cachafeiro é un dos realizadores máis representativos e singulares do cinema galego contemporáneo. Estudou Ciencias Ambientais e Dirección de Documental na Escuela Internacional de Cine y Televisión de San Antonio de los Baños (EICTV), en Cuba. Os seus filmes foron seleccionados e premiados en numerosos festivais internacionais como no Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente (BAFICI), Festival de Locarno, Festival de Montreal ou a Viennale (Viena).  O seu traballo exhibiuse tamén en museos como o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ou o Museo de Arte Moderna de Nova York (MoMA), onde participou nun programa dedicado a cineastas contemporáneos que denotan unha renovadora concepción do medio.

A súa obra revela as latentes sinerxías existentes entre o territorio da ficción e o eido documental. No ano 2016 recibiu a prestixiosa bolsa Radcliffe da Universidade de Harvard, onde o cineasta lucense desenvolveu o seu proxecto actual, Longa noite, unha longametraxe en fase de montaxe que explora a paisaxe nocturna e as historias de represión en Galicia. Enciso combina o seu traballo de cineasta independiente coa súa faceta de profesor, impartindo obradoirios e seminarios en escolas de cinema como a Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid (ECAM) e a EICTV, e en festivais e en institucións nacionais e internacionais.

FILMOGRAFÍA

– No tan buena vista (España|2002|13′|C |vídeo)
– Funkthewheel (2002| 7′| C e B/n|vídeo)
– Isa003 (2003 |7′|C |16mm.)
– La clase (2003 |29′ |C |vídeo)
– Pic-nic (2007|75′|C|35mm.)
– Arraianos (2012 | 70′ |C |DCP)

 

O OBRADOIRO

Duración: 24 horas presenciais e titorías en liña
Número de sesións: catro
Datas: 14 e 28 de setembro / 26 de outubro / 16 de novembro
Horario: de 10.00sinh a 14.00h e de 16.00sinh a 20.00h
Espazo: Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus A Xunqueira, s/n)

Horario
Setembro: día 14 (de 10:00 a 14:00h) e día 28 (de 10:00 a 14:00h)
Outubro: día 26 (de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h)
Novembro: día 16 (de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h)

Obxectivos
-Traballar o noso espazo cotián como fonte para a creación cinematrográfica.
-Explorar as narrativas fílmicas alternativas ao noso alcance: poética, sensorial, na fronteira de xéneros…
-Practicar o traballo en grupo, o intercambio, a discusión e as dinámicas de exploración colectivas como ferramentas imprescindibles no cinema e na descuberta artística.

Programa
14 de setembro/ Conceptos básicos e fontes estéticas (I). Horario: 10.00-14.00h
28 de setembro/ Conceptos básicos e fontes estéticas (II). Horario: 10.00-14.00h
26 de outubro/ Primeiro visionamento e análise dos proxectos. Horario: 10.00-14.00h e 16.00-20.00h
16 de novembro/ Revisión das pezas e asesoramento cara a unha montaxe final. Horario: 10.00-14.00h e 16.00-20.00h
11 de decembro/ Exhibición pública das pezas realizadas durante o obradoiro

O equipo de “Novos Cinemas” seleccionará a dez aspirantes. As persoas interesadas cumprimentarán a seguinte FICHA DE INSCRICIÓN Obradoiro Eloy Enciso
O período de selección terá lugar entre os días 25 de abril e o 25 de xullo. O 5 de agosto publicarase a listaxe das persoas seleccionadas.
Consultar https://campuspontevedra.uvigo.es e https://www.novoscinemas.com

Entre o 5 e o 10 de agosto, o estudantado confirmará a súa participación vía correo electrónico (co asunto <<UN CAMIÑO POSIBLE: OBRADOIRO DE CINEMA CON ELOY ENCISO>>) ao seguinte enderezo vic.pon@uvigo.es (achegaranse os seguintes datos: nome e apelidos, grao e curso e copia dixital do D.N.I)

 *Tras confirmar a súa participación, o estudantado comprométese formalmente a asistir a todas as sesións presenciais do obradoiro. No caso de incumprir con ese precepto, o alumno ou alumna perderá, automáticamente, a súa condición de bolseiro ou bolseira.

FICHA DE INSCRICIÓN Obradoiro Eloy Enciso

Novos Cinemas, abril 2018