#AULA+NOVOS // CINED

CinEd é un prestixioso programa de cooperación europeo liderado polo Institut Français (París) e no que colaboran trece países comunitarios e dezaseis institucións e asociacións europeas. A súa finalidade é a divulgación do cinema europeo entre os escolares do noso continente. En España o proxecto está impulsado e coordinado pola asociación A Bao A Qu en colaboración con institucións estatais coma o Ministerio de Educación, o ICAA ou o Instituto Cervantes e que en Galicia se desenvolve en cooperación con AGADIC-CGAI e Novos Cinemas. O festival súmase así a un proxecto pioneiro no noso entorno e de gran proxección, converténdose en coorganizador desta iniciativa en Galicia.

Esta actividade posibilita o acceso a unha colección de grandes filmes europeos de autor –títulos emblemáticos da vangarda e a modernidade, traballos de natureza máis clásica e títulos estritamente contemporáneos– que son exhibidos e presentados por profesionais que colaboran co programa exclusivamente en sesións formativas e sen finalidade comercial. Por outra banda, o equipo pedagóxico de CinEd facilita material didáctico específico aos centros educativos participantes proporcionando ao profesorado e ao estudantado as ferramentas necesarias para o descubrimento activo, creativo e reflexivo do cinema.

A iniciativa permite ademais ao alumnado experimentar unha proxección cinematográfica no seu espazo e medio natural: a sala de cinema, en colectividade. En Pontevedra o espazo elixido para tal fin por Novos Cinemas foi o mítico Teatro Principal, lugar onde tivo lugar en 1902 a primeira proxección cinematográfica da cidade.
Durante o curso escolar 2016-2017, Novos Cinemas acollerá a docentes e alumnos de dous institutos galegos, o IES Poio (Pontevedra) e o IES Cacheiras (A Coruña), un total de 204 escolares de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato.

Programa:
12 xaneiro: Pierrot Le Fou (Jean-Luc Godard, 1965. Francia)
6 abril: En Construcción (José Luis Guerin, 2001. España)
8 maio: Il Posto (Ermanno Olmi, 1961. Italia)