// VIDEOHIPNOSE. EXPERIMENTAR CO CINEMA NA ERA DIXITAL

14 DEC.
16.30h.
Teatro de Pontevedra


Pezas do alumnado do campus realizadas no obradoiro impartido por Adrián Canoura.

Son un artista, un antiartista, arrogante, modesto, un feminista, un misóxino empedernido, un romántico, un realista, un surrealista, conceptual, minimalista, posmoderno, beatnik, hippie, punk… Díxose da miña obra que é fermosa, horrible, bazofia, xenial, dispersa, precisa… contemporánea, iconoclasta, sofisticada, lixo, obra mestra, etc. É todo certo”.

Bruce Conner

O cinema expandido foi o primeiro en considerar o vídeo, as imaxes dixitais e electrónicas como unha forma de arte, marcando un fito na historia da arte e instalándose como a orixe do pensamento sobre o que actualmente coñecemos como media art, arte electrónico, videoarte e arte e tecnoloxía.

Desde a súa orixe o vídeo propúxose como alternativa comunicacional e como crítica activa fronte aos medios masivos de comunicación audiovisual. E os novos canais de comunicación favorecen, precisamente, a hibridación entre o cinema máis convencional e o cinema expandido: posibilitando que as diferentes ramas se mesturen cunha maior facilidade e recoñecemento desde os espazos de exhibición.

A flexibilidade deste contexto de traballo facilita o acceso do amateur (palabra derivada do latín amator “o que ama”) a esta reformulación artística do cinema, que atopa na linguaxe audiovisual un enorme campo de experimentación e investigación que non atopaba nas disciplinas artísticas tradicionais.

Este obradoiro ten como proposta o achegamento a un medio, a unha linguaxe, a unha forma de facer cinema desde a combinación de elementos artísticos máis cercanos á poesía que á prosa, no que podemos denominar cinema experimental, cinema expandido ou como ben cita Bruce Conner (unha das figuras esenciais da mistura de todo tipo de arte do S.XX) “É todo certo”, ou o que vulgarmente podemos decir… todo vale.

Unha das claves do obradoiro foi cuestionar ou poñer en valor a liberdade creativa do autor, precisamente nun tempo no que a liberdade individuale constanmente cuestionada, a través dunha serie de condicionantes que limitaran ou expandiran as posibilidades de creación. Como ben se pode ver na película Cinco condicións (De fem benspaend, 2003) do director danés Lars Von Trier, no que compromete a un dos seus mentores a revisionar un dos seus filmes baixo unha serie de condicións, que o fan repensar a historia e utilizar diferentes formatos e levar a súa creatividade ao límite.

Adrián Canoura

A súa formación audiovisual comeza na Fundación TIC (Escola de Imaxe e Son) de Lugo, en Realización e Produción Audiovisual. Continúa cunha especialización de Cámara e Realización na Escola de Ficción de Voz Audiovisual. En 2016 trasládase a Madrid para cursar o Master LAV: Laboratorio de Práctica e Creación Audiovisual Contemporánea. Destacado como un novo talento pola Academia Galega do Audiovisual en 2018, pódese definir como cineasta ou videoartista cuxas creacións van desde o videoclip, películas, deseños, performances ou proxectos ligados á creación audiovisual en directo con grupos como Guerrera, Nistra ou, actualmente, Baiuca.

O seu traballo toma diferentes formas, desde proxectos híbridos entre o documental e a ficción, a aproximacións máis experimentais á antropoloxía máis mística de mundos que desaparecen. O seu filme Caerán Lóstregos do Ceo foi incluída pola prestixiosa crítica e teórica do cinema de vangarda Nicole Brenez, como un dos mellores traballos de 2018, e obtivo o Premio á Mellor Película de Vangarda e o Premio Camira en Filmadrid. As súas películas foron proxectadas en numerosos festivais de todo o mundo como o de Sao Paulo, o Fibda, Fracto, o Nouveau Cinema, Curtas Vila do Conde ou Curtocircuito.