// UN CAMIÑO POSIBLE
Proxección das pezas realizadas por alumnos da Universidade de Vigo no obradoiro impartido por Eloy Enciso
Martes 11 Decembro | 17:00h | Teatro Principal | Entrada de balde ata completar aforo
O reto para o cineasta hoxe en día é como afrontar o seu traballo no medio do magma audiovisual contemporáneo no que habitamos, un continuum de imaxes e sons que, como ese veciño ou familiar con incontinencia verbal, menos nos di cantas máis palabras usa. Ou ese político que de tanto apelar a á «democracia» baleira de sentido o termo. Erosionáronse sentidos, contornos, funcións e lealdades desa linguaxe que chamamos cinema. E é neste in crescendo audiovisual multicanle e globalizado no que unha multitude de voces gritan e loitan por captar un pouco –os restos– da nosa atención, onde o cineasta tenta crear o seu hábitat, un espazo para a escoita, o sentido e a emoción, ter unha voz audible, existir.
Un camiño posible, o que abordamos neste obradoiro, é o da observación e o da escoita da nosa contorna máis inmediata –o río Lérez, neste caso– para, a partir da mesma, tentar alcanzar o máximo posible de sentido e emoción co mínimo de elementos cinematográficos. Poucos planos, non moitas palabras, apenas cortes: limitarse ao esencial foi o reto. Partindo deses límites, tentamos atopar esa historia, esa persoa, ese xesto da nosa contorna que é significante e que retratamos con imaxes e sons.
Combinando o visionado de exemplos de autores e películas que traballaron desta maneira coa súa propia procura e investigación nun espazo da súa contorna inmediata, cada alumno realizou gravación e edición da súa propia película.
Eloy Enciso