Un total de 26 cineastas emerxentes presentarán as súas primeiras e segundas obras en Novos Cinemas

Novos Cinemas, que se celebrará entre o 14 e o 19 de decembro en Pontevedra, presentou hoxe a súa sexta edición coa presenza de Carmen Fouces, Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra; Victoria Alonso, Deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra; Jorge Soto, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; Jacobo Sutil, Director da Agadic; Suso Novás e Daniel Froiz, codirectores de Novos Cinemas.

Mentres que Fouces quixo destacar a “cooperación de todas as administracións para levar a cabo este evento nunha cidade tan ligada ao audiovisual como é Pontevedra”, Victoria Alonso puxo tamén o foco sobre “o que aposta a provincia polo cinema a través doa marca Rías Baixas Film Fest, ao apoiar un evento de calidade como Novos Cinemas”. Sutil, pola súa banda, puxo o aceno no importantes que son os festivais de cinema como “lugares de difusión e axuda ao desenvolvemento das carreiras dos cineastas e como punto de encontro entre profesionais e público. Soto concordou con que “con este tipo de eventos gañamos todos, tamén o alumnado da Universidade de Vigo, á que o festival está estreitamente ligada en varias das súas actividades”.

Un repaso á programación

Daniel Froiz e Suso Novás, directores do festival, aproveitaron a ocasión para facer un repaso pola programación que terá lugar en Pontevedra ao longo de toda a semana que vén. Despois de visionar 217 filmes, procedentes de case corenta países entre os que destacan Arxentina, España ou Austria. Tras a selección final, Novos Cinemas proxectará as películas dun total de 26 cineastas emerxentes (primeiras e segundas obras) sumando un total de 24 filmes dos que 14 están dirixidos por mulleres, unha liña que en palabras de Novás “é continuista dende os últimos anos, onde prima o talento feminino nas obras que recibimos”.

Nas seccións competitivas Oficial e Latexos o festival contará con tres estreas españolas: Berg, de Joke Olthaar; Actual People, de Kit Zahuar; e La luna representa mi corazón, de Juan Martín Hsu, sendo as trece películas restantes estreas en Galicia. As persoas encargadas de visionar as películas e dar os premios desta edición serán Álvaro Gago, Cora Velasco e Inês Lima (xurado Oficial); Javier Pachón, Ramiro Ledo, Manuel Asín, Iria Silvosa e Carla B. Miraz (xurado Latexos); Florencia Romano, Júlia Gaitano e Cristóbal Soage (xurado da crítica); e Raquel Álvarez Méndez , Alejandro López Mera, Cristina Vera Aurioles, Manuel Lucas Mariño, Andrea Varela Jambrina (xurado novo).

Ademais, a cineasta María Pérez Sanz será a protagonista do foco desta edición, o primeiro que se lle dedica en España. Nel proxectaranse as súas obras Ejercicio 2 (2015), Ejercicio 3 (2013), os videoclips feitos para Tulsa Yo no nací así (2021) e Autoretrato (2021), e as súas dúas primeiras longametraxes: Malpartida Fluxus Village (2015), onde presenta unha tentativa de bosquexo dende o comunitario cara o singular; e Karen (2020), onde recrea algunhas escenas da vida da escritora Isak Dinesen, interpretada pola cantante Christina Rosenvinge.

Novos Cinemas presenta tamén para a súa sexta edición unha proposta de apertura á marxe de modas e correntes e guiadas por unha a radicalidade estética tan singular como recoñecible, como é o de Marcos Nine. Os seu último e esperado traballo, A Virxe Roxa (Recrea Films), en rigorosa estrea en Galicia, estará acompañado pola presenza do cineasta para conversar co público asistente ao festival. A clausura correrá da conta de Chema García Ibarra que pechará o festival con Espíritu Sagrado, o seu esperado debut na longametraxe.

Puntos de encontro e de asesoramento de proxectos

Nos encontros desta edición Novos Cinemas presentará o último traballo de Álvaro Gago, que amosará en exclusiva imaxes da súa primeira longametraxe, Matria; e tamén se conversará con tres realizadores cuxos proxectos participaron anteriormente no LAB. Ángel Filgueira e Silvia Fuentes falarán polo miúdo e exhibirán por primeira vez en Galicia algunhas imaxes do seu esperado filme, Cando toco un animal. Carlos Martínez-Peñalver compartirá cos asistentes a súa experiencia en terras lusas tras o esperado proceso de postprodución da súa primeira longametraxe, Á procura da estrela. Pola súa parte, Liliana Torres afondará na xénese da súa segunda longamatraxe de ficción, ¿Qué hicimos mal?, un proxecto rodado en Galicia, Italia e México.

Para fomentar os espazos de asesoramento e creación, o Novos Cinemas LAB conta con catro proxectos: Guajes, de Ana Sierra; La adolescencia infinita, de Víctor Soho; Laguna el ministro, de Antonio Llamas e Lucas G. Torralbo (espírituescalera); e Treinta grados de separación, de Paula Pérez López. Os catro proxectos estarán titorizados por a directora, guionista e actriz Elena Martín; Isona Admetla, coordinadora do fondo para a cinematografía Berlinale-World Cinema Fund; o montador Ricardo Saraiva; e o músico e produtor Xavi Font.

 

A formación como base do festival

A alfabetización audiovisual da cidadanía é unha das metas de Novos Cinemas. Por ese motivo o festival continúa desenvolvendo #AULA, unha proposta que hibrida a transferencia de coñecemento e o intercambio de experiencias entre profesionais audiovisuais e a poboación.

“Vídeo-hipnose. Experimentar co cinema na era dixital”, o obradoiro impartido polo artista audiovisual e cineasta burelense Adrián Canoura durante o primeiro cuadrimestre do curso académico permitirá que poidamos ser testemuñas das creacións do alumnado da Universidade de Vigo e, en colaboración coa ECAM, Chema García Ibarra e a directora de arte dos seus filmes, Leonor Díaz Esteve, impartirán “Os entes”, un obradoiro no que exporán unha metodoloxía creativa baseada na simbiótica relación entre realización e dirección de arte: verdadeiros coautores materiais dos singulares universos que caracterizan a súa produción cinematográfica.

Ademais: #AULA+NOVOS, volve con forza nesta edición para os máis pequenos e novas da casa, sumándose á colaboración co prestixioso programa europeo CinEd e a do IFcinéma – Institut français.

CATEGORÍAS