Novos Cinemas acollerá a estrea nacional de cinco longametraxes na súa oitava edición

Dous filmes franceses, un arxentino, un estadounidense e un xaponés poderán verse por primeira vez en España, competindo na Sección Oficial do Festival. 

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, presentou hoxe a programación da súa oitava edición, un certame que se vai celebrar entre os días 12 e 17 de decembro e que proxectará 39 filmes, dos que 13 participarán nas dúas seccións competitivas, Oficial e Latexos. Cinco das películas vivirán a súa estrea en España, seis en Galicia e unha  terá a súa presentación internacional.

O director artístico do festival, Suso Novás, anunciou en rolda de prensa os 13 filmes que protagonizarán as sección seccións competitivas de Novos Cinemas: 9 longametraxes na Sección Oficial e 4 na sección Latexos. Conviven nesta sección filmes de adolescentes e o thriller socio-económico, con visións dunha xuventude que anda na procura dunha estabilidade emocional máis aló do socialmente establecido, ou mesmo con retratos de comunidades migrantes que aspiran a integrarse e prosperar na sociedade occidental e narracións que profundan nos imaxinarios da paixón.

Terán a súa estrea en España as francesas Le coueur du masturbateur, de Michael Salermo, e Peter Pan, de Natacha Samuel & Florent Klockenbring; a arxentina Cambio, cambio, de Lautaro García Candela; a xaponesa There is a stone, de Tatsunari Ota; e a estadounidense An evening song (for three voices), de Graham Swon.

Será a estrea en Galicia para Concrete Valley, de Antoine Bourges; The bride, da ruandesa Myrian U. Bariba; a arxentina Clara se pierde en el bosque, de Camila Fabbri; e a sueca The wild duck, de Nadja Ericsson.

 A sección Latexos, un espazo que reúne aquelas propostas que quedaron fóra dos circuítos, amosará dende documentais sobre comunidades europeas ata propostas de ficción con itinerarios emocionais.  Proxectaranse Abril, verde, amarillo, de Santiago Aulicino (estrea internacional); Las tierras del cielo, de Pablo García Canga; Antier Noche, de Alberto Marín Meaño (estrea en Galicia) e Zimmerland,  de Valeria Stucki (estrea en España).

 No acto de presentación que se celebrou hoxe na Casa das Campás, acompañaron a Suso Novás o responsable da Área de dinamización social e cultural do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez; o director da Área adxunta a Vicerreitora da Universidade de Vigo, Luis Torres Vázquez; Jorge Cubela, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Todas as persoas interesadas en asistir ao festival poden comprar seus abonos a través da páxina web do festival www.novoscinemas.com a partir do martes 28 de novembro.

CATEGORÍAS