Mariana Barassi, María Zamora e Jorge Coira, asesores no NovosCinemas#LAB

O programa de orientación para realizadores e realizadoras noveis de Novos Cinemas, que se desenvolverá durante os días 1 e 2 de xullo dentro do marco do festival, contará co asesoramento de Mariana Barassi, María Zamora e Jorge Coira. Estes profesionais achegarán o seu punto de vista e experiencia e axudarán aos creadores e creadoras a sacarlle o máximo rendemento aos seus proxectos.

Mariana Barassi (Buenos Aires, Arxentina) é coordinadora xeral do Curso de Desenvolvemento do Programa Ibermedia e responsable do MRG//WORK do Festival Marxes. María Zamora (Valencia, España) é produtora executiva en AVALON Produtora Cinematográfica. Pola súa banda, Jorge Coira (Lugo, España), director, guionista e montador, é na actualidade presidente de CREA, Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.

Esta actividade forma parte de Novos#Encontros, unha sección que contará con mesas redondas, presentacións e outras actividades, e será unha oportunidade única para que os profesionais residentes en Galicia establezan contacto con expertos e expertas de ámbito internacional.

A convocatoria para participar no #LAB está aberta a cineastas de calquera parte do mundo, a condición de que o proxecto co que se presenten supoña a súa primeira ou segunda película. O prazo de inscrición pecharase en 10 días, a data límite para a presentación de solicitudes é o 29 de abril.
BASES E FICHA DE INSCRICIÓN

CATEGORÍAS