O LAB de Novos Cinemas selecciona os futuros proxectos de Delfina Carlota, Elisa Celda, Carmen Pedrero e Sara Traba

Novos Cinemas, que se celebrará entre os próximos 13 e 18 de decembro, busca a través do seu LAB  favorecer e promover o desenvolvemento de proxectos cinematográficos de cineastas noveis mediante o encontro entre realizadores e profesionais de recoñecida traxectoria e notoria sensibilidade hacia propostas de natureza independente. Nesta edición, os proxectos seleccionados son:

• “ARROYO INVISIBLE” de DELFINA CARLOTA, en estado de escritura. Vai de: “Un relato epistolar, a narradora fálalle a unha amiga que marchou sobre os seus soños recorrentes, do descubrimento de estar a vivir nunha cidade chea de arroios invisibles, dun grupo guerrilleiro dos anos 70 que usa os arroios ocultos para facer estalar á ditadura.”

• “NADIE NOS LO DIJO” de ELISA CELDA, en estado de escritura. Vai de: “Francia e España están practicamente deforestadas debido aos incendios de sexta xeración. Xs novos están obligadxs a cumprir co servizo obrigatorio de formación de brigada forestal.”

• “LAS ZONAS ERÓGENAS” de CARMEN PEDRERO, en estado de escritura. Vai de: “Roberta, con 8 anos, comeza a masturbarse e a sentir curiosidade polos corpos, en especial polo seu propio. Pero un día, Roberta escoita aos seus pais comentar que non é normal que faga iso de maneira habitual nin tan pronto, que deberían levala a terapia. Roberta comeza a sentirse acomplexada con iso. Séntese sucia. Escóndeo. Pensa que é algo malo.”

• “AS CÁRVACAS” de SARA TRABA, en estado de desenvolvemento. Vai de: “Forastera ten 47 anos, vive en Alemaña, onde naceu. A súa nai, galega, emigrou alí cando era moi nova e non regresou nunca. A súa nai acaba de falecer. Forastera nunca visitou o lugar onde naceu e creceu a súa nai, pero ten imaxes inventadas na súa cabeza. Ela non o sabía, pero a súa nai conservaba un anaco de terra en Galicia. Este bosque é a súa herdanza, o seu derradeiro vínculo coa orixe materna. Sinte a necesidade de coñecer este lugar, polo que decide emprender unha viaxe na súa moto, dende Alemaña a Corrubedo.”

Todos eles serán asesorados por un grupo de catro titores e titoras conformado pola socióloga, xestora cultural, docente, consultora e deseñadora de audiencias Isona Admetlla; o cineasta Eloy Domínguez Serén; a coordinadora editorial e programadora de Filmin Elodie Mellado; e a produtora, performer e directora teatral Montse Triola.

Encontros: conexión con Portugal

Os encontros de Novos Cinemas están concibidos para fomentar o diálogo e a sinerxía entre os axentes implicados no feito cinematográfico, e nel intercámbianse experiencias e reflexións sobre aspectos que determinan o devir do cinema. Nesta edición terán unha especial impronta luso-galaica.

Por unha banda, o público poderá achegarse aos procesos de ideación e creación de Andrés Sanjurjo e Zeltia Outeriño, cineastas galegos cuxos proxectos foron seleccionados e asesorados polo #LAB do festival en pasadas edicións. E pola outra, Susana Nobre, cineasta lisboeta que protagoniza o FOCO deste ano, completará a súa presenza mediante un encontro.

O festival tamén contará coa presenza da ESMAD, Escola Superior de Media Artes e Design, un dos centros de educación e formación audiovisual máis importantes de Portugal. José Quinta Ferreira, docente vencellado ao organigrama científico do centro, exporá as liñas mestras do seu programa académico. Alén disto, unha mesa sobre a creación e a produción cinematográfica independente, moderada pola equipa do festival, completará a oferta desta edición.

O festival Novos Cinemas, que está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.

CATEGORÍAS