Encontros con Cineastas // DAVID VARELA

O director David Varela estivo o pasado maio en Novos Cinemas para compartir a súa longametraxe Un cielo impasible (España, 2021) co alumnado de 1º de bacharelato do IES Xunqueira 1 e do IES Frei Martín Sarmiento.

David Varela é cineasta, docente e programador de formación autodidacta. En 2010 produce, edita e dirixe a longametraxe documental Banaras me, así como diferentes curtas e mediometraxes, entre os que destacan Último retrato ou Freedom to kill the other’s children, cos que viaxa a festivais e centros de arte internacionais e colleita algúns premios. En paralelo, David traballa como montador de proxectos alleos, como Banderas Falsas (2012), de Carlos Serrano Azcona, ou Archipiélago (2023), un filme de dirección colectiva. No ano 2012 inicia unha colaboración coa escritora Chantal Maillard, adaptando ao teatro a súa obra Diarios Indios. En 2021 produce e dirixe a longametraxe Un cielo impasible, unha obra de carácter colaborativo que ten a súa estrea na Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de Xixón.

UN CIELO IMPASIBLE

A longametraxe documental profunda na Guerra Civil Española a través da mirada das novas xeracións.
Producida de forma independente e colaborativa, Un cielo impasible é unha película realizada por David Varela e un grupo de adolescentes que levan a cabo unha inmersión na Memoria Democrática a través dos arquivos e as vivencias de excombatientes da Batalla de Brunete, unha das máis cruentas e decisivas da Guerra Civil Española. En palabras do crítico Alfonso Rivera (Cineuropa): “Un cielo impasible logra, de forma harmónica reivindicar a memoria histórica mentres cuestiona como esta se transfire (ou non) ás novas xeracións”.

CATEGORÍAS