Dúas estreas de cineastas galegos abrirán e pecharán o festival

Dous proxectos que pasaron polo Novos Cinemas #LAB serán os protagonistas da APERTURA e CLAUSURA na oitava edición do festival. O director vigués Carlos Martínez-Peñalver abrirá o festival o martes 12 de decembro co seu primeiro filme, Á procura da estrela (2023), mentres que o peche será o domingo 17 co longametraxe Cando toco un animal, do redondelán Ángel Filgueira. Ambas obras vivirán a súa estrea en Galicia.

Á procura da estrela
O cineasta Carlos Martínez Peñalver filma na Serra da Estrela este traballo a medio camiño entre o documental e a ficción. Coa produción de OMEN e María Zimbro e co traballo de Lucía C. Pan na fotografía, o filme participa neste mes de novembro nos festivais de Xixón, sección Tierres en Trance e no Porto/Post/Doc na sección oficial Cinema Falado.

No 2020 acadou o premio Kniloux en L’Alternativa (Barcelona), mentres que no 2021 levouse o Arché no Porto/Post/doc e o Films en Cours no Entrevues (Belfort, Francia).

Á procura da estrela pasou por Novos Cinemas #LAB no ano 2019.

Cando toco un animal
Esta longametraxe de ficción dirixida por Ángel Filgueira que participou na pasada edición do D’A Film Festival. O filme, primeiro proxecto tamén para a produtora Sétima, de Ánxos Fazáns e Silvia Fuentes, é un drama romántico que explora as relacións amorosas contemporáneas a través do triángulo amoroso que forman Mariña, Ada e Tomás.

Cando toco un animal pasou polo Novos Cinemas #LAB no ano 2018.

CATEGORÍAS