NOVOS CINEMAS #LAB, o programa de orientación para realizadores e realizadoras noveis de Novos Cinemas, que se desenvolverá no marco da próxima edición do festival (15-20 de decembro en Pontevedra), abre o seu período de recepción de proxectos.
O #LAB consiste nun encontro que o festival organiza entre cineastas noveis e axentes cualificados e especialmente sensibles a proxectos cinematográficos de natureza independente. A finalidade desta reunión é que os realizadores/as e/ou produtores/as poidan adquirir as competencias e habilidades necesarias para poder defender, co maior grao de operatividade, funcionalidade e rendibilidade posible, os seus proxectos nunha futura situación de natureza comercial.
A convocatoria para participar no #LAB está aberta a cineastas de calquera parte do mundo, a condición de que o proxecto co que se presenten supoña a súa primeira ou segunda película. A data límite para a presentación de solicitudes é o 15 de setembro e os proxectos para presentar poderán atoparse en calquera das súas fases de desenvolvemento.