Comeza o obradoiro impartido por Lois Patiño

Hoxe inaugurase o obradoiro “Mirar o río”, no que alumnos e alumnas da Universidade de Vigo crearán unha serie de pezas individuais baixo a tutela do director Lois Patiño. Estes traballos centraranse na exploración do espazo na contorna do río Lérez, e serán proxectadas durante a Edición 01 do Festival Novos Cinemas.

A directiva de Novos Cinemas organiza o taller en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra nun esforzo por fomentar a colaboración entre os diferentes eidos de estudo que integran a universidade, cunha especial énfase nas facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais, como indicou no acto de presentación o vicerreitor Juan Manuel Corbacho.

Os asistentes desenvolverán un proxecto en torno aos conceptos de paisaxe, atmosfera, territorio ou lugar, supervisado en cada unha das súas fases polo mentado realizador. Os obxectivos do obradoiro son reflexionar sobre a representación da paisaxe no cinema e estimular a capacidade observacional.

O curso é a primeira das actividades relacionadas coa Edición 01 de Novos Cinemas, que terá lugar do 28 de xuño ao 3 de xullo, e que achegará de novo o cine internacional a Pontevedra, tras unha exitosa Edición Ø.

CATEGORÍAS