CINE RACHADO E CONSCIENTE NA PRAZA DO TEU POBO. TALLER DE CINEMA CON ÁLVARO GAGO
Hai filmes por onde se cola a vida. Son estes os que mais me perforan e emocionan. Filmes cheos de fendas que nos permiten acceder non só á historia que se nos presenta senón tamén a unha maneira singular de estar e relacionarse co mundo. Ademais de ofrecernos unha ventá a unha existencia, estes filmes adoitan ser o reflexo dunha determinada actitude que se emprega ante o que nos rodea. Unha actitude movida polo desexo, a consciencia, a escoita e un asombro continuo polo próximo.
O taller tentará apelar e traer á superficie a esas olladas propias e reveladoras, e farao poñendo especial énfase na crenza de que a función principal do cinema é congregar e na noción de que é no contexto de cada persoa, que determina e limita, onde radican as posibilidades, a forza e a singularidade de cada unha desas olladas.
Neste contexto, dez estudantes desenvolverán proxectos individuais de curtametraxes que se conformarán ao longo das distintas etapas que estruturarán este obradoiro.
Na primeira sesión formularase un contexto que favoreza a inmersión e a inspiración estético-temática do alumnado. O obxectivo desta sesión será que cada participante descubra “modelos” de expresión cinematográfica que estimulen tanto a xénese da súa proposta (a idea motriz), como a súa conseguinte formalización (a curtametraxe).
Na segunda sesión, promoverase un primeiro visionado dos filmes, que estarán no ecuador do seu proceso creativo, co obxectivo de asesorar de xeito pormenorizado cada proxecto e promover así o seu mellor desenvolvemento.
Na terceira e última das sesións, seguiremos traballando con cada proxecto, ultimando detalles, cara a súa montaxe final e posterior exhibición pública na sesión inaugural da edición 09 de Novos Cinemas.