#AULA+NOVOS//OBRADOIRO DE TALLER ABIERTO

16 Decembro | 11:30h | Museo de Pontevedra 

Tea, papel e agulla

Non hai cinema sen oficios. Os filmes son mecanismos complexos nos que cada unha das engrenaxes funciona grazas ao concurso das outras. De feito, as películas son proxectos onde o traballo cooperativo é fundamental. 

Entre os numerosos departamentos implicados na construción dun filme, destaca o/a de figurinista: a persoa encargada de deseñar e buscar o vestiario axeitado para cada unha desas personaxes que posteriormente percibiremos na pantalla da sala de cinema. O seu traballo é esencial para darlles vida, para definir a súa personalidade e potenciar os seus trazos físicos e psíquicos, así como para definir a estética e a época na que se desenvolve a longametraxe. 

En resumo, a súa labor contribúe esencialmente á conformar a narrativa visual dos filmes tanto a nivel denotativo como connotativo. Por ese motivo, un deseño meditado contribúe a que se materialice en imaxes o imaxinario de cineastas e guionistas, e axuda a que determinadas personaxes se fixen na nosa memoria para sempre. 

Tea, papel e agulla, é un obradoiro que revelará que o vestiario é unha poderosa ferramenta, pois conforma tanto a atmosfera do filme, coma a presenza e a personalidade das personaxes. Partindo destas premisas, desenvolveremos unha actividade creativa na que se experimentará o paso das dúas ás tres dimensións promovendo a creatividade mediante un traballo de expresión plástica na que a imaxinación e a liberdade serán as principais premisas.

taller abierto é un colectivo formado por dúas arquitectas que desde 2013 desenvolve proxectos artísticos e culturais. Entre as súas actividades están a organización de cursos de formación para docentes, o comisariado de exposicións, e os talleres didácticos en museos e institucións privadas. O seu labor no eido da educación, ademais, abarca a produción de material didáctico sobre diferentes temas en soporte físico e audiovisual. Para elas o espazo público e a paisaxe poden ser motor de aprendizaxe, polo que tamén instauran proxectos no que estes son protagonistas.

https://tallerabierto.info/