Ábrese o prazo de admisión de obras

Dende hoxe e ata o 15 de abril está aberto o prazo de admisión de longametraxes para participar na edición 01 do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra. Novos Cinemas admite a competición primeiras e segundas películas de autores de calquera nacionalidade e ten como finalidade principal detectar e difundir o talento cinematográfico dos cineastas emerxentes, poñendo especial énfase no cinema de carácter autoral.

No festival, que conta cunha única sección competitiva de ámbito internacional, poderán concursar todas aquelas longametraxes dunha duración superior a 60 minutos, sempre que supoñan a primeira ou segunda obra dos seus realizadores.

Dende a dirección do festival destacan a importancia de achegar ao público ese cinema de calidade que non chega ás salas comerciais en España, polo que un dos principais requisitos para participar é que a longametraxe presentada non fose estreada comercialmente en España nin exhibida en circuítos de televisión públicos ou privados no momento da súa inscrición.

 

OS PREMIOS E O XURADO

As longametraxes seleccionadas a competición na edición 01 de Novos Cinemas optarán a tres premios: Premio Novos Cinemas, Premio Xurado Novo Screenly e Premio dos Público “Cinemas de Galicia”. O Premio Novos Cinemas será outorgado á mellor longametraxe por un xurado internacional e terá unha dotación económica de 2.000€. No caso do Premio Xurado Novo, o xurado estará composto por un grupo de estudantes universitarios pertencentes ao Campus de Pontevedra. Este premio ten como obxecto axudar á distribución do filme gañador desta categoría incluíndoo no catálogo da plataforma de proxeccións baixo demanda Screenly. Por último, mediante a participación dos espectadores e as súas votacións, entregarase o Premio do Público en colaboración con AGADIC, que ten como fin axudar á distribución do filme gañador desta categoría incluíndoo na rede salgas públicas para a exhibición cinematográfica “Cinemas de Galicia”.

PREME AQUÍ PARA ACCEDER A SECCIÓN DE DESCARGAS ONDE ATOPARÁS AS BASES DO FESTIVAL E O DOCUMENTO DE INSCRIPCIÓN DUNHA OBRA

CATEGORÍAS