SECCIÓN OFICIAL

A Sección Oficial da cuarta edición de Novos Cinemas presenta un dos seus programas máis heteroxéneos. Nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia, que permiten cartografar un singular mapa en torno ao cine contemporáneo máis creativo.

Dende unha África postcolonial e distópica, á Patagonia nos albores do século vinte sometida e retratada polo home branco, ou amosando unha especial atención á transformación física e emocional do noso continente, as películas seleccionadas reflexionan sutilmente sobre as nosas experiencias, sobre a nosa memoria e sobre o noso incerto futuro.