Santiago Fillol, Mariana Barassi, Felipe Lage e Ramiro Ledo, asesores do #LAB de Novos Cinemas

NOVOSCINEMAS#LAB, o programa de orientación para realizadores e realizadoras noveis de Novos Cinemas, que se desenvolverá durante os días 30 de xuño e 1 de xullo dentro do marco do festival, contará nesta edición co asesoramento de Santiago Fillol, Mariana Barassi, Felipe Lage e Ramiro Ledo. Estes profesionais achegarán o seu punto de vista e experiencia e axudarán aos creadores e creadoras a sacarlle o máximo rendemento aos seus proxectos.

  • Santiago Fillol (Córdoba, Arxentina), é profesor de Dirección Cinematográfica e Literatura na Universidade PompeuFabra de Barcelona, ademais de escritor e guionista e axudante de dirección do filme Mimosas (Oliver Laxe, 2016), para o que escribe a súa próxima longametraxe.
  • Mariana Barassi (Buenos Aires, Arxentina) é coordinadora xeral do Curso de Desenvolvemento do Programa Ibermedia e responsable do MRG//WORK do Festival Margenes.
  • Felipe Lage (Galicia, España), é o director de ZeitunFilms dende o ano 2009 e ten participado na produción de longametraxes como Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010), Arraianos (EloyEnciso, 2012), O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), Pozoamargo (Enrique Rivero, 2015) e Mimosas (Oliver Laxe, 2016).
  • Ramiro Ledo Cordeiro (Galicia, España) é presidente e socio traballador cofundador de NUMAX, S. Coop. Galega. Ademais é o responsable do Cinema NUMAX e NUMAX Distribución, unha distribuidora independente de cinema de autor contemporáneo.

Este  encontro entre cineastas noveis e axentes cualificados e especialmente sensibles a proxectos cinematográficos de natureza independente terá como finalidade que realizadores/as e/ou produtores/as poidan adquirir as competencias e habilidades necesarias para poder defender, co maior grao de operatividade, funcionalidade e rendibilidade posible, os seus proxectos nunha futura situación de natureza comercial.

A convocatoria para participar no #LAB está aberta a cineastas de calquera parte do mundo, a condición de que o proxecto co que se presenten supoña a súa primeira ou segunda película.

A data límite para a presentación de solicitudes é o 10 de abril.

CATEGORÍAS