RETROSPECTIVA: MATÍAS PIÑEIRO

Referente indiscutible do Nuevo Cine Argentino, Matías Piñeiro leva unha década realizando películas desde unha total independencia e absoluta fidelidade ás súas formulacións estéticas.

Rodeado dunha estable troupe de técnicos, actores e inesquecibles actrices, Piñeiro leva anos adicado ao insólito proxecto de revisitar os roles femininos nas comedias shakespearianas. Unha obra composta por belos filmes de estruturas complexas e ritmo infatigable; áxiles relatos ao redor da palabra, a representación –os entrecruzamentos da vida co teatro e a literatura– e, por suposto, as relacións sentimentais.

Novos Cinemas presenta nesta Edición 02 unha retrospectiva completa do autor porteño, quen ademais impartirá o seminario 36 Leccións de Cinema (+info).


Nado en Bos Aires en 1982, Matías Piñeiro estudou na Universidade do Cinema, onde posteriormente ensinaría dirección, guión e historia do cinema. En 2011 trasladouse a Estados Unidos como bolseiro do Instituto Radcliffe da Universidade de Harvard. Actualmente ensina dirección cinematográfica no Pratt Institute en Brooklyn (Nova York) mentres desenvolve a curtametraxe Porcia e a longametraxe Ariel –co-dirixida co cineasta galego Lois Patiño–, quinta e sexta entregas da súa serie Las Shakespeareadas sobre os roles femininos nas comedias de William Shakespeare.

 

Longametraxes:

El hombre robado (2007)
Todos mienten (2009)
Rosalinda (2010)
Viola (2012)
La princesa de Francia (2014)
Hermia & Helena (2016)