RESONANCIAS

ANTÓNIO UM DOIS TRÊS
Sesión programada por Álex Pérez Lascort a través da convocatoria Resonancias en colaboración coa Asociación Cultural Convergencias de la Crítica Cinematográfica.

Por ÁLEX PÉREZ LASCORT

A vida adoita consistir en encrucilladas, momentos nos que unha decisión pode levarte por camiños diferentes. Precisamente son estas variacións as que ocupan a metraxe de Antonio um, dois três. As elipses, os saltos, os bucles, lévannos a territorios xa coñecidos. Estamos ante unha versión colorida do que Hong Sang-soo leva trasladándonos no último tramo da súa filmografía en películas como The Day He arrives (2011), In Another Country (2012)  ou Right Now, Wrong Then (2015).

Aínda que Leonardo Mouramateus toma boa nota de todo iso, non se limita a exercer de mero imitador senón que dota de personalidade propia ao conxunto. É no ton onde a diferenza se fai patente. Así, lonxe do aire desencantado dos filmes coreanos, aquí todo ten tinguiduras de simpática ironía. Si, hai certa gravidade e mesmo rabia nalgúns aspectos do filme, pero sempre desde unha mirada máis romántica e esperanzada.

Estamos pois ante un filme onde cada situación supón un avance, onde as vicisitudes dan paso a unha melloría palpable reflectida nun guión onde cada frase supón un desbloqueo de situacións. A través da meta-representación teatral, o pasado devén catarse e tránsito entre unha realidade que se converte automaticamente en ficción. Un xogo de representacións que fai do teatro unha vía de escape cara a novas realidades.

Tamén hai tempo para resaltar, de forma amable, as diferenzas culturais entre Brasil e Portugal e facer diso territorio xenérico do romance e mostrar como se pode atopar amor efémero e ao mesmo tempo romántico no tránsito de querer recuperar unha parella, onde a casualidade pode ser á vez voluptuosa e sublime a través de xestos sinxelos.

Antonio um, dois, três acaba sendo unha carta de amor a Lisboa converténdose nun lugar onde todo é posible e onde todo é susceptible de mellorar. O filme convértese pois en subtexto da situación económica e social dun país que loita por saír á boia desde unha perspectiva optimista, luminosa, brillante.

 



Nado en Barcelona en 1975, Álex Pérez Lascort estudou o Master de Crítica Cinematográfica no Observatorio de cinema en 2008. A partir de aí, colaborou en diversos medios como Contrapicado, Cine Divergente, Cinemaadhoc ou VOS Magazine. Actualmente escribe regularmente en Cine Maldito e Fantastic Plastic Magazine. A súa filiación cinéfila pasa polo amor a Rohmer, o cinema de xénero e o pracer culpable das trash movies.