Retrospectiva

Novos Cinemas adica a Retrospectiva da Edición 01 a José Luis Guerin, figura ineludible para coñecer e comprender o cinema contemporáneo. Polisémica e chea de contrastes, a súa filmografía propón ao espectador unha experiencia tan estética como fértil e pracenteira. Guerin encarna á perfección a figura do passeur: un apaixonado transmisor de coñecemento seguindo a definición de Alain Bergala. Na obra do cineasta catalán agroma o seu profundo coñecemento e amor incondicional polo cinema, a súa querenza pola historia da arte en todas e cada unha das súas manifestacións, a singular capacidade para expor e resolver a un tempo o arcano conflito entre ficción e non ficción e a facilidade á hora de combinar alquimicamente beleza, sensibilidade e reflexión.

José Luis Guerin, un dos máis recoñecidos cineastas españois en activo, experimenta con novas formas de dramaturxia e de narrativa cinematográfica cuestionando e explorando a fronteira, e os límites, entre a ficción e a non ficción. A súa obra abrangue diferentes formatos, como revelan as súas instalacións museísticas e a súa participación na Bienal de Venecia do ano 2007. No ano 2001 recibiu o Premio Nacional de Cinematografía. Ten unha longa traxectoria como docente, participando en numerosas conferencias, seminarios e obradoiros impartidos en universidades, institucións culturais e escolas de cinema de todo o mundo.

.

Escolma de filmes_

Los motivos de Berta (1984), Souvenir (1986, curta), Innisfree (1990), Tren de sombras (1997), En construcción (2001), En la ciudad de Sylvia (2007), Unas fotos en la ciudad de Sylvia (2007), Guest (2010/11), Correspondencia Jonas Mekas – J.L. Guerin (2011), Dos cartas a Ana (2011, curta), Le Saphir de Saint-Louis (2015, curta), La academia de las musas (2015).