Clase maxistral: Luis Aller

Luis Aller fala de Nicholas Ray

.

03 Xullo | 17:00h | Teatro Principal

.

A partir do quebrado, desde a angustia, cun lirismo narrativo tan delicado e enfermizo como arrebatador e cheo de paixón; cunha densidade dramática descomunal na corrente dunha violencia que explota en estalidos incontrolables, fuxidas emocionais e flashes alucinados… O cinema de Nicholas Ray, ou O Cinema, sen máis… They live by night, o primeiro filme tratado como se fose o derradeiro. Un título que define literal e metaforicamente o seu universo. Un universo de rebeldes solitarios, sen unha causa e que chaman a calquera porta tan só para acadar vitorias amargas nunha terra perigosa desde a que nunca poderán regresar… Os seus encadres, as súas composicións, as súas luces, os seus movementos, as súas concepcións espaciais… O seu Cinema… Feito sempre por primeira e/ou última vez con esa ilusión, ese sentido do descubrimento e invención dese instante único e, ao tempo, coa urxencia e a intensidade do que sabe que é a última vez, polo que todo o que non conte agora xa non o contará xamais… O cineasta predilecto, chamoulle Godard…

A partir do seu primeiro filme repasaremos algúns momentos claves do cinema de Ray e doutras primeiras e últimas veces dalgúns outros grandes cineastas.


.

Luis Aller (Toral de los Vados, León, 1961). Dedicado á reflexión e á práctica cinematográfica desde moi novo, en 1979 realiza a súa primeira curtametraxe, Breve trayectoria de unas aspas de molino. Entre 1982 e 1985 traballa na revista “Dirigido Por”. En 1985 realiza a premiada mediametraxe El sistema de Robert Hein e xa en 1989 a súa primeira longa Barcelona, Lament, ca que obtén o Premio Sant Jordi á Mellor Ópera Prima. En 2009 funda a escola de cinema Bande à part en Barcelona, da que é director e profesor. Durante os últimos vinte anos compaxinou a ensinanza ca construción do filme Transeúntes, estreado internacionalmente na Sección Oficial de Bafici en 2015.