Por primeira ou última vez

Nicholas Ray afirmaba que cada filme, cada escena e, incluso, cada plano debería filmarse como se fose a primeira ou a última vez, coa mesma incerteza e paixón de quen pon todo o que leva dentro nesa acción. Moitas veces son os primeiros ou os últimos filmes as mellores mostras desta intensa fraxilidade, pois na meirande parte das ocasións, os cineastas non saben se poderán poñer en pé outro proxecto.

Se había un realizador que asumía este feito como algo inherente ao seu oficio ese era Ray, autor de Johnny Guitar, ou Rebelde sen causa, do que tomamos prestado o nome desta sección adicada a rememorar os debuts máis sinalados da historia do cinema.

En homenaxe a el, nesta Edición 01, proxectaremos a súa primeira longametraxe, They live by night (1948), nunha sesión na que o docente e cineasta Luis Aller reflexionará sobre a súa figura e a súa obra.