Cinema en curso

cinema-en-curso-galicia-min

.

.

.

28 Xuño | 11:00h | Teatro Principal | Entrada de balde ata completar aforo

 

Cinema en curso é un programa estrutural de pedagoxía do cinema en escolas e institutos que persegue un dobre obxectivo: achegar á mocidade o cine como arte, creación e cultura, e explorar os potenciais pedagóxicos da creación cinematográfica. Os obradoiros desenvólvense con alumnado de entre 8 e 18 anos ao longo de todo un curso, dentro do horario lectivo e impartidos conxuntamente por un equipo de docentes e un cineasta.

Este proxecto da asociación A Bao A Qu iniciado en 2005 en Cataluña, na actualidase tamén se desenvolve en Galicia, Madrid, Arxentina e Chile. En Galicia está coordinado polo CGAI en colaboración co Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Coa proxección dos filmes:

Adéu (Adeus)

Escola de Bordils (Bordils, Cataluña) – 6º de primaria.
Son os últimos días que Valentina comparte co seu amigo Nil antes de marcharse ao país onde ten a familia.

Nuevos pasos (Novos pasos)

IES Jimena Menéndez Pidal (Fuenlabrada, Madrid) – 4º de ESO.
Comezar a vivir nunha nova cidade nunca é fácil. Daniel non consegue facer amigos no instituto e deambula polas rúas de Fuenlabrada, estrañando o que deixou atrás.

Paso a paso

CEIP A Rúa (Cangas) – 6º de primaria.
Mónica séntese soa e un tanto esquecida polos seus país, que traballan moito. Decide ir visitar aos seus avós.

O Acordar

CEIP San Xoán (Becerreá) – 5º e 6º de primaria.
Retrato dos Ancares: das súas paisaxes e modos de vida, do duro e fermoso inverno e do agromar da primavera, dos seus silencios e os seus sons.

Sons no camiño

IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño) – 4º de ESO.
Retrato dalgunhas aldeas do Val do Varón. Tras un forte proceso de despoboamento, hoxe as historias dos seus antigos habitantes mestúranse con novos sons que poboan os seus camiños.

Voces dunha paisaxe

IES Manuel Murguía (Arteixo) – 1º de ESO.
Retrato de Arteixo. De como o tecido industrial avanza sobre a natureza. Dos seus oficios e das persoas que configuran o lugar, a paisaxe, a memoria e o presente.