Películas que resplandecen como cometas na noite. Cineastas á busca dos seus propios límites, coa paixón e intensidade do “agora ou nunca”. Por primeira ou última vez –sección baixo o influxo permanente de Nick Ray, o máis fulgurante dos cineastas– propón unha celebración do cinema alleo a toda actualidade, revisitando aquelas películas feitas de raros e preciosos momentos nos que os cineastas, ben sexa por arroxo ou mera necesidade, lograron que as súas imaxes brillasen como só poden facelo as primeiras e últimas veces.
Nesta edición o teórico e progrador Manuel Asín seleccionou Wanda, primeira e única película dirixida pola actriz Barbara Loden, un absoluto referente do cinema independente norteamericano e, máis aínda, do cinema realizado desde unha óptica feminina. Dela, Marguerite Duras dixo que era un milagre. E os milagres, xa saben, non son algo que suceda cada día.