POR PRIMEIRA OU ÚLTIMA VEZ

O espazo reservado á historia do cinema dentro da programación de Novos Cinemas está consagrado á memoria dun dos nosos máis admirados cineastas. Nicholas Ray afirmaba que cada filme –ou incluso: cada plano!– debería filmarse como se fose por primeira ou última vez, coa incerteza e a paixón de quen pon todo o que leva dentro nesa acción, pois moitas veces son esas obras as mellores mostras da intensidade e fraxilidade da creación.

Recollendo o guante de Ray con They Live by Night –co que garda moitas similitudes–, traemos nesta Edición 02 un dos títulos fundacionais do cinema moderno americano dos anos setenta, Badlands, incendiario debut na dirección de Terrence Malick, nunha sesión especial conducida polo crítico Carlos Losilla.