Palmarés Novos Cinemas 2019

O Xurado Internacional da Edición 04 de Novos Cinemas, formado por Lucero Garzón, Misha Bies Golas e Carlos Reviriego, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial a NE CROYEZ SURTOUT PAS QUE JE HURLE, de Frank Beauvais, pola honesta e abrumadora posta en abismo dunha depresión persoal contada a través dun abraiante caudal de cine-tolemia, que adquire un senso universal do que é improbable saír incólume.

O Xurado Novo da Edición 04 de Novos Cinemas, formado por Daniel Arana, Miriam Caminero, Sara López, Carmen María Pastoriza e Lara Castro, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial a CARLOS CONCEIÇAO por Serpentàrio, pola súa capacidade de introducirnos no seu universo persoal a través dunha linguaxe expresiva, poética e dunha gran riqueza formal; por facernos partícipes da súa busca das raíces, ademais de pola amplitude da súa mirada, que cuestiona a nosa forma de construír sociedades e identidades colectivas. Ademais, o Xurado Novo tamén quere concederlle unha mención a Mark Jenkin, por BAIT, pola súa sorprendente aposta formal, sobresaínte montaxe e deseño sonoro.

O Xurado da Crítica da Edición 04 de Novos Cinemas, formado por Alberto Lechuga, Carlota Moseguí e Daniel de Partearroyo, despois do visionado dos filmes a concurso das seccións Latexos e Oficial e a deliberación, outorgan o Premio do XURADO DA CRÍTICA a LAS FACULTADES, de Eloisa Solaas, por soster, mediante un sólido rexistro observacional, un discurso de transformación social a través da educación e ofrecer un retrato de esperanza do poder da mocidade para cambiar o mundo mediante a dialéctica.

O Xurado de Latexos da Edición 04 de Novos Cinemas, formado por Manuel Asín, Ramiro Ledo e Albert Triviño, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio Latexos a DE LOS NOMBRES DE LAS CABRAS, de Silvia Navarro e Miguel Morales, por considerar a película un traballo pioneiro de análise e desmontaxe dalgunhas das construcións históricas que definiron a identidade dun territorio, e fano cun tratamento das imaxes de arquivo que as libera das moitas capas de significado que lles foron impostas. O xurado quere destacar tamén o gran valor artístico das cinco películas en competición dentro desta sección.

O Premio do PÚBLICO, outorgado polos asistentes ao festival, é para BAIT, de Mark Jenkin.

CATEGORÍAS