Palmarés edición 07 de Novos Cinemas

O Xurado Internacional da edición 07 de Novos Cinemas, formado por Julián Génisson, Elena Oroz e Darío Oliveira, escolleu dar o Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial ao filme HAPPER´S COMET de Tyler Taormina “pola súa precisa e poética inmersión na cotiandade durante un tempo único marcado polo illamento e a incerteza. A través dun sobresaliente traballo coa temporalidade, os contrastes lumínicos e sonoros e o tránsito do público ao íntimo, a película ofrece unha experiencia hipnótica marcada polo extrañamiento, como nunha noite de insomnio na que todos os sentidos se agudizan”.

O Xurado Latexos da edición 07 de Novos Cinemas, formado por Albert Triviño, Miguel Ángel Alfonso, Eva Seoane, Manuel Asín e Iria Silvosa, escolleu dar o Premio LATEXOS á mellor longametraxe da Sección Latexos ao filme MISIÓN A MARTE, de Amat Valmajor, “pola súa proposta innovadora, na que consegue trasladarnos da historia familiar máis pura e natural á ciencia ficción máis vándala. Por conseguir sacar adiante un branco e negro en 16mm, no que o gran xoga coa imaxe e por transmitirnos a falta de medo da infancia para levarnos ao surrealismo máis libre e puro”.

O Xurado da Crítica da Edición 07 de Novos Cinemas, formado por Raquel Loredo, Blanca Martínez e Yago Paris, despois do visionado dos filmes a concurso das seccións Latexos e Oficial escolle dar o Premio do XURADO DA CRÍTICA a HAPPER´S COMET de Tyler Taormina “pola súa aposta radical pola narración visual, a meticulosa contención na súa posta en escena e a tensión transformadora de todo o cotián en misterio”.

O Xurado Novo da Edición 07 de Novos Cinemas, formado por Susana Alba Alonso, Yuri Salgado Álvarez, David Arosa Cerqueiro, Martín Arufe Castro, Iris Rodríguez Justo, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación decide outorgar o Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial a: Sorayos Prapapan, por ARNOLD IS A MODEL STUDENT “por poñer a ironía ao servizo da mensaxe, por ser unha película na que todo suma, onde as personaxes corais son as que marcan o cambio e pola integración de varios formatos de xeito sorprendente e orgánico. O xurado valora positivamente que a trama, sendo local se volva universal, e tamén que transcorra nunha escola porque os cambios sempre parten dende a base”.

O Xurado Novo outorga tamén mención especial, por votación democrática, a Leonardo Mouramateus, por A VIDA SÃO DOIS DIAS, “pola riqueza da súa estutura, que propón unha historia dentro dunha historia, e pola súa dirección de actores, arriscada, fresca e versátil”.

O Premio do PÚBLICO, que escolle o público do festival a través das súas votacións despois do visionado dos filmes é para A VIDA SÃO DOIS DIAS, de Leonardo Mouramateus.

Listaxe de premios:
– Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial: Happer’s Comet de Tyler Taormina.
– Premio LATEXOS á mellor longametraxe da Sección Latexos: MISIÓN A MARTE, de Amat Valmajor.
– Premio do XURADO DA CRÍTICA: Harper’s Comet de Tyler Taormina.
– Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial a: Sorayos Prapapan, por ARNOLD IS A MODEL STUDENT. Mención especial a Leonardo Mouramateus, por A VIDA SÃO DOIS DIAS.
– Premio do PÚBLICO: A VIDA SÃO DOIS DIAS, de Leonardo Mouramateus.

CATEGORÍAS