3, 2, 1… ACCIÓN!

14 Decembro | 11:00h | Museo de Pontevedra 

Para rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos.

Impartido por Taller Abierto. Gratuíto previa inscrición.

Inscricións en contacto@tallerabierto.info📌

As primeiras proxeccións de cinema fundamentábanse nas ilusións ópticas xeradas por xoguetes coma a Lanterna Máxica ou o Zoótropo. Rudimentarios aparatos cos que se recreaba a ilusión do movemento mediante a superposición de imaxes. Estes principios empregáronse no cinema de animación que, na súa esencia, produce a sensación visual dun movemento que non existe na realidade. O mundo audiovisual na actualidade conta con avanzadas técnicas para a creación de animacións que reproducen de forma precisa xestos e movementos. Nesta actividade plástica proponse voltar aos inicios do cinema para crear unha historia en imaxes de xeito artesanal. Proponse a construción dunha animación experimental protagonizada por coñecidos personaxes cinematográficos que revivirán mediante a sinxela tecnoloxía do GIF ao dispor de todos nós.

 

Taller Abierto constitúese en 2013 en Pontevedra e desenvolve proxectos artísticos e culturais.
Entre as súas actividades atópanse a organización de cursos, visitas e actos; a coordinación de comunidades de aprendizaxe e o comisariado de exposicións. Na área socioeducativa o seu labor céntrase no deseño de programas didácticos e de integración social en artes plásticas e arquitectura para nenos e docentes, así como na creación, organización e execución de xornadas e congresos.