CINEMA EN CURSO
28 Xuño | 11:00h | Afundación | Entrada de balde ata completar aforo
Por segundo ano Novos Cinemas confirma o seu compromiso cunha das iniciativas máis interesantes do panorama educativo do noso país.
Cinema en Curso é un programa estrutural de pedagoxía do cinema en escolas e institutos que persegue achegar á mocidade o cine como arte, creación e cultura, e explorar os potenciais pedagóxicos da creación cinematográfica. Os obradoiros desenvólvense con alumnado de entre 8 e 18 anos ao longo de todo un curso, dentro do horario lectivo e impartidos conxuntamente por un equipo de docentes e un cineasta.
Iniciado fai doce anos en Cataluña pola asociación A Bao A Qu, e desenvolvido en Galicia dende 2013 –coordinado polo CGAI en colaboración co Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria–, na actualidade o proxecto lévase a cabo tamén en Madrid, Arxentina, Chile e Alemaña, e conta co acompañamento de cineastas como Jonás Trueba, Nely Reguera, Carla Simón, Lluís Galter ou Miguel Mariño.
Con filmes realizados polos centros de primaria e secundaria:
CEIP Tenorio (Cotobade) – 5º de pimaria: Terra dos Arxinas
IES de Poio (Poio) – 4º de ESO: Co devalar
CEIP A Rúa (Cangas) – 6º de primaria: Entre redes
Escola Riera de Ribes (Sant Pere de Ribes, Barcelona) – 4º-5º-6º de primaria: Tres dies
IES Rey Pastor (Madrid) – 1º de BAC: In crescendo
