Novos Cinemas presenta hoxe a programación das súas seccións competitivas, para as que xa están as entradas individuais (3€) e os abonos (18€) á venda a través de ataquilla.com. A Sección Oficial da sétima edición do festival, que terá lugar entre o 13 e o 18 de decembro, acolle esta vez propostas que exploran e cuestionan o imaxinario colectivo de comunidades onde historia e mito son case indistinguibles. Derivas que encontran no entrecruzamento xenérico e na sensorialidade marítima e nocturna as súas grandes aliadas. Relatos que ilustran por que o tren, o reloxo e a fotografía cambiaron as nosas vidas para sempre. Narracións de marcada filiación literaria nas que o azar e o imprevisible son as únicas constantes.
Nove longametraxes inéditas en Galicia -seis delas inéditas en España- que intentan ilustrar algúns dos posibles estadios do cinema contemporáneo desenvolvido polos cineastas Sorayos Prapapan, Miryam Charles, Agustina Pérez Rial, Tyler Taormina, Helena Wittmann, Bianca Lucas, Brent Chesanek, Brent Chesanek, Cyril Schäublin e Leonardo Mouramateus.
• ARNOLD IS A MODEL STUDENT (Tailandia, Singapur, Francia, Países Baixos, Filipinas | 2022). Dirixe Sorayos Prapapan. Estrea en España.
• CETTE MAISON (Canadá, 2022). Dirixe Miryam Charles. Estrea en España.
• DANUBIO (Arxentina, 2021). Dirixe Agustina Pérez Rial. Estrea en España.
• HAPPER’S COMET (Estados Unidos, 2022). Dirixe Tyler Taormina. Estrea en Galicia
• HUMAN FLOWERS OF FLESH (Alemaña, Francia | 2022). Dirixe Helena Wittmann. Estrea en Galicia
• LOVE DOG (Polonia, México, Estados Unidos | 2022). Dirixe Bianca Lucas. Estrea en España
• NOMOTOPOWELL (Estados Unidos, 2022). Dirixe Brent Chesanek. Estrea en España
• UNRUEH (Suíza, 2022). Dirixe Cyril Schäublin. Estrea en Galicia.
• A VIDA SÃO DOIS DIAS (Brasil, 2022). Dirixe Leonardo Mouramateus. Estrea en España
Na Sección Latexos o público atopará esta vez retratos dos itinerarios e dos azarosos encontros duns adolescentes que gozan dunha plenitude estival que anuncia a fin do seu tránsito cara a idade adulta. Tamén imaxinativas incursións no eido dunha ciencia ficción conceptual que sirve de marco para a ilustración das relacións duns personaxes situados no ecuador da súa existencia, e singulares propostas que visibilizan os procesos de investigación duns cineastas que intentan satisfacer a súa voraz curiosidade e ansia de saber. A sección acollerá as últimas creacións de Malena Solarz, Carlos Pardo Ros, Ione Atenea e Amat Vallmajor del Pozo.
• ALBUM PARA LA JUVENTUD (Arxentina, 2021). Dirixe Malena Solarz. Estrea en Galicia
• H (España, 2022). Dirixe Carlos Pardo Ros. Estrea en Galicia
• LOS CABALLOS MUEREN AL AMANECER (España, 2022). Dirixe Ione Atenea. Estrea en Galicia.
• MISIÓN A MARTE (España, 2022). Dirixe Amat Vallmajor del Pozo. Estrea en Galicia
Os catro xurados que entregarán os premios
As persoas encargadas de outorgar os premios desta edición serán Julián Génisson, actor, escritor, director e guionista; Dario Oliveira, fundador, director artístico e coordinador de programación do festival internacional Porto/Post/Doc; e Elena Oroz experta en documental, cinema español e teoría fílmica feminista, como integrantes do Xurado Internacional. O Xurado Latexos estará formado por Miguel Ángel Alfonso en representación de Cineciutat, Eva Seoane en representación de DUPLEX Cinema e Albert Triviño como programador e coordinador de Zumzeig Cinecooperativa. Finalmente, o Xurado da Crítica compóñeno os profesionais Blanca Martínez, Raquel Loredo e Yago Paris; e o Xurado Novo os alumnos e alumnas da Universidade de Vigo Iris Rodríguez Justo, David Arosa Cerqueiro, Susana Alba, Yuri Salgado Álvarez e Martín Arufe Castro.
O festival Novos Cinemas, que está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.