Novos Cinemas estrea vídeo de cabeceira, asinado nesta cuarta edición por Helena Girón e Samuel M. Delgado

A cuarta edición de Novos Cinemas – Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre o 10 e o 15 de decembro, estrea hoxe o seu vídeo de cabeceira, asinado pola compostelana Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado. Ambos son coñecidos por indagar co seu traballo de xeito habitual nas relacións entre mitoloxía, materialismo e percepción e porque as súas películas e instalacións foron programadas en festivais internacionais como Toronto International Film Festival, Festival del film Locarno, New York Film Festival, Festival de San Sebastián, Mar del Plata, International Film Festival Rotterdam, FIC Valdivia ou Curtas Vila do Conde.

En palabras de Ángel Santos, director artístico de Novos Cinemas, esta cabeceira “propón unha viaxe que parte dende o río -sempre ligado ao festival e á cidade de Pontevedra- e se dirixe cara a luz. Nesta travesía ateigada de imaxes vibrantes e palpitantes, coma o tipo de películas que forman parte da programación do festival cada ano, convidamos a todos os espectadores e espectadoras a que se atrevan a explorar e a que se deixen deslumbrar por elas”.

Ademais, os cineastas serán progatonistas nunha das sesións ENCONTROS, coas que o festival lle amosa o público os procesos de creación de diversos artistas. Nesta ocasión serán Helena Girón e Samuel M. Delgado os que expoñan o seu método de traballo e poñan relación decisións, ideas e intencións arredor do seu novo filme, Eles transportan a morte, do que tamén se amosarán as primeiras imaxes de montaxe. A película narra a historia de tres homes que xa deberían ter morto pero, en cambio, viaxan entre a tripulación da expedición capitaneada por Cristóbal Colón tras evitar as súas execucións a cambio de participar nesta incerta viaxe. Agora, roubaron a vela da Santa María e fuxen con ela por unha illa descoñecida.

CATEGORÍAS