Novos Cinemas contará nesta edición con 15 fimes nas súas seccións competitivas e unha retrospectiva á cineasta lisboeta Teresa Villaverde

Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, presenta os 15 filmes que formarán parte das súas seccións competitivas: a Sección Oficial e a Sección Latexos. Trátase dunha selección de primeiras e segundas obras de cineastas emerxentes procedentes de lugares como Canadá, USA, Francia, Portugal, China, Brasil, España, Ecuador ou Arxentina.

Nesta terceira edición, a Sección Oficial aglutina a proposta máis ambiciosa ata o momento: nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia –tres delas estreas estatais–, que permiten albiscar unha exquisita panorámica en torno ás formas do cinema contemporáneo. Dende a selva amazónica ás megalópoles chinesas pasando pola vella nova Europa ou os montes galegos, os filmes presentados interróganse polo pasado e polo futuro dos relatos e das historias convidando ao espectador a percorrer o planeta a través da mirada dos cineastas máis prometedores. A selección da Sección Oficial compóñena:

FAIL TO APPEAR | ANTOINE BOURGES | CAN
THE WORLD IS FULL OF SECRETS | GRAHAM SWON | USA
SOPHIA ANTIPOLIS | VIRGIL VERNIER | FRA
DRVO/ARVORE | ANDRÉ GIL MATA | POR
YOU HAVE THE NIGHT | IVAN SALATIC | MON
SUBURBAN BIRDS | QUI SHENG | CHI
UN VIOLENT DESIR DE BONHEUR | CLEMENT SCHNEIDER | FRA
CHUVA E CANTORIA | JOAO SALAVIZA & RENEE NADER | BRA-POR
TRINTA LUMES | DIANA TOUCEDO | GAL

A sección Latexos, pola súa banda, afiánzase dentro da programación de Novos Cinemas como o espazo idóneo para o encontro entre o público e os autores e autoras máis novos. Nesta ocasión, o público poderá asistir á proxección de cinco filmes inéditos en Galicia que xorden da tenacidade do íntimo e dunha consciente e non limitadora precariedade de medios. Propostas que revelan aos novos cineastas dialogando aberta e humildemente cos seus mestres –Bresson, Morrisey ou Pasolini–, e que, como aqueles, constatan o irrefrenable impulso de ollar o máis próximo para tratar de comprender mellor o mundo. Serán:

EL SILENCIO ES UN CUERPO QUE CAE | AGUSTINA COMEDI | ARX
<3 | MARÍA ANTON CABOT | ESP
LA MUERTE DEL MAESTRO | JOSÉ MARÍA AVILÉS | ECU
LETTERS TO PAUL MORRISEY | ARMAND ROVIRA | ESP
YOUNG & BEAUTIFUL | MARINA LAMEIRO | ESP
NOCTURNO | ALVARO F. PULPEIRO | GAL (fóra de concurso)

Ademais, nesta edición, Latexos estreará un xurado propio e premio da crítica, que suporá a exhibición comercial da longametraxe premiada na sala NUMAX de Santiago de Compostela.

Retrospectiva internacional: Teresa Villaverde

O festival porá esta vez o foco sobre o traballo dunha das cineastas máis carismáticas –e atrevémonos a dicir, case descoñecidas– do cinema europeo contemporáneo: Teresa Villaverde. Pioneira da reconversión estética que se produciu no cinema portugués a principios da década dos noventa –xunto a cineastas como Pedro Costa ou Manuel Mozos–, a cineasta amalgama na súa obra significativos e arriscados achados estéticos cun posicionamento ideolóxico radical. A incomunicación, os conflitos dunha adolescencia desorientada, a marxinalidade provocada polas sucesivas crises económicas, a cousificación dos suxeitos e a súa conversión en mera mercancía afloran nunha poética devastadora e concisa, mais non exenta dunha singular beleza.

A selección de filmes da directora lisboeta -composto por O termómetro de Galileo, Os mutantes Colo– acompañarase ademais dunha clase maxistral de acceso libre ata completar aforo no que a propia cineasta falará sobre o seu proceso de creación.

CATEGORÍAS