Novos Cinemas 04 emprende o voo coas creacións dos cineastas emerxentes máis destacados do panorama internacional

Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, presentou esta mañá a súa cuarta edición, que se desenvolverá entre os próximos 10 e 15 de decembro na cidade. Jacobo Sutil​, director da AGADIC; Jorge Soto​, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo; Victoria Alonso​, Deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra; Carme da Silva​, Concelleira de Animación Sociocultural e Festas do Concello de Pontevedra; e Ángel Santos, Daniel Froiz e Suso Novás​, da dirección de Novos Cinemas desvelaron os últimos detalles da programación do festival.

Tanto Sutil como Alonso quixeron facer fincapé no espectacular ano que o audiovisual galego viviu neste 2019 e na necesidade de apoio que as producións precisan por parte das institucións. Alén disto, o director da Agadic destacou tamén “a especial mirada do festival, centrada nos novos creadores e creadoras, centrada sempre no noso audiovisual a través de todo o programa”. Deste xeito, Arima, de Jaione Camborda abrirá esta edición do festival, que se pechará con Longa noite, de Eloy Enciso. Ademais poderemos ver as primeiras imaxes de Eles transportan a morte, o novo filme de Helena Girón e Samuel Delgado e as primeiras imaxes de montaxe de Ons, a última longametraxe de Alfonso Zarauza.

Jorge Soto, o Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo salientou a importante labor do festival na formación do estudantado do campus e celebrou a colaboración entre a Universidade de Vigo e Novos Cinemas. Carme da Silva, Concelleira de Animación Sociocultural e Festas do Concello de Pontevedra, pola súa banda, animou a toda a cidadanía a asistir ao festival para “gozar dun cinema de calidade e da intensidade dunha fantástica programación”.

No tocante á programación desta cuarta edición do festival, e tal e como destacaron Ángel Santos e Suso Novás dende o equipo de dirección, esta será a primeira vez na que o cineasta Bas Devos sexa o protagonista dunha retrospectiva no noso país. O programa de proxeccións adicado a Devos repasará a súa obra completa e constará de tres filmes: Ghost Tropic, que poderá verse por primeira vez en España, e Hellhole e Violet, estreas en Galicia.

Dende o festival tamén se levan a cabo obradoiros e visitas formativos a centros durante todo o ano. Ademais, durante a celebración desta edición de Novos Cinemas, a organización anima aos máis pequenos e pequenas da casa a participar no festival a través dun divertido taller de creación de GIFs animados ou na xa tradicional proxección dominical para celebrar connosco o vinte aniversario dunha das películas de animación máis relevantes da última década do século pasado, O xigante de ferro.

Novos Cinemas continúa tamén a ser punto de encontro entre o sector profesional a través de varias vías:

▪ MESA DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS | Presentación dalgúns dos programas de desenvolvemento de longametraxes dirixidos a autores noveis máis interesantes do panorama independente nacional. Con Gemma Vidal (España), La Incubadora, The Screen (ECAM) + Pamela Biénzobas (Chile), Abycine Lanza (Festival Abycine) + Mar Varela (Galicia), I+P Ideas para producir (Cluster Audiovisual Galego)

▪ MESA PROXECTA | Representantes de tres festivais compartirán as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo. Con Álvaro Dosil -responsable pedagóxico de Curtocircuíto- + Marcos Nine -director Artístico de Cinema Crianza- + José Luis Cienfuegos -director do Festival de Cine Europeo de Sevilla-.

▪ LAB, o espazo a través do que se promove o desenvolvemento de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria e sensibilidade cara a propostas de natureza independente. Nesta cuarta edición, os proxectos chegan de Galicia, España e Arxentina e o equipo asesor estará formado pola consultora, crítica e xornalista de cinema chileno-francesa Pamela Biénzobas; a cineasta e docente Virginia García del Pino; o director e guionista Alfonso Zarauza; e Gemma Vidal, responsable de La Incubadora de The Screen (ECAM).

▪ Primeira presentación pública de CINEGALICIA 2019 | Con motivo da conmemoración do 30º aniversario de Cinegalicia -que lembra a estrea de Continental, Sempre Xonxa e Urxa, tres filmes fundamentais na historia do cinema galego-, un grupo de traballadores e traballadoras da cultura e o audiovisual que aínda non cumpriron eses trinta, deciden celebrar a efeméride de maneira desprexuizada e heterodoxa dende múltiples áreas da creación, o vídeo, a crítica, a música ou o deseño. Son: para vídeo, Adrián Canoura, Iria Silvosa, Lara e Noa Castro; para música, Oh Ayatollah!, Charles Rapante, e Elba Souto; para deseño, Roberta Vázquez, Julia Huete, Pepa Prieto e Montse Piñeiro; e para textos críticos Laura Ramos, Sara Donoso, Anxo F. Couceiro, Jesús Silva, e Clara Coira. Coordinan Brais Romero e Cibrán Tenreiro.

E ademais, en Novos Cinemas 04…

▪ Seccións Competitivas | A Sección Oficial da cuarta edición de Novos Cinemas presenta un dos seus programas máis heteroxéneos. Nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia, que permiten cartografar un singular mapa en torno ao cine contemporáneo máis creativo. Amosando un alto grao de auto consciencia, os cinco filmes que conforman a Sección Latexos -todos eles inéditos en Galicia-, promoven diálogos entre eles e cos espectadores que revelan que trama e fondo (e vida e cinema) ás veces fúndense nun todo case indisociable.
Sección Por primeira ou última vez, na que proxectaremos o clásico Wanda, primeira e única película dirixida pola actriz Barbara Loden, comentada polo teórico e programador Manuel Asín.
Vermú con CREA, no que a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia se reunirán para conversar sobre temas de actualidade.
▪ Veremos as pezas xurdidas do obradoiro Habitar un rostro/O xesto dun encontro, realizadas por alumnado da Universidade de Vigo e titorizadas por Jaione Camborda.
Concerto con Oh Ayatollah!
▪ Encontro de alumnado dos centros de ensino cos cineastas David Fidalgo e Jaione Camborda.
Xurado Sección Oficial: formado pola produtora mexicana Lucero Garzón, o artista plástico Misha Bies Golas e o programador Carlos Reviriego.
Xurado Latexos: formado polos críticos de cinema Daniel de Partearroyo, Alberto Lechuga e Carlota Moseguí.
Xurado Novo: formado por Daniel Arana, Miriam Caminero, Sara López, Carmen María Pastoriza e Lara Castro, estudantes do Campus de Pontevedra da UVigo.

CATEGORÍAS