LATEXOS

Baixo a invocación do legado de Chris Marker –que lembraba en Sans Soleil a Sei Shônagon e aquelas cousas «que fan latexar rápido o corazón»–, Latexos afiánzase dentro da programación de Novos Cinemas como o espazo idóneo para o encontro entre o público e os autores máis novos.

Cinco filmes inéditos en Galicia que xorden da tenacidade do íntimo e dunha consciente e non limitadora precariedade de medios. Propostas que revelan aos novos cineastas dialogando aberta e humildemente cos seus mestres –Bresson, Morrisey ou Pasolini–, e que, como aqueles, constatan o irrefrenable impulso de ollar o máis próximo para tratar de comprender mellor o mundo.


Ademais, nesta edición, Latexos estrea un xurado propio e premio da crítica.