LAB // EXPERTOS

PALOMA BIÉNZOBAS

Consultora, crítica e xornalista de cinema chileno-francesa. É unha das fundadoras da Revista de Cinema Mabuse.cl. Entre 2005 e 2010 foi vicepresidenta da Federación Internacional da Crítica, FIPRESCI, da que é aínda membro activo. Ademais de dúas décadas escribindo de cinema, colaborando con revistas e libros de distintos países, traballou avaliando e asesorando proxectos, así como propoñendo candidatos para fondos e programas internacionais como Abycine Lanza, Torino Film Lab, Rawi (Xordania) ou Bellagio Center (Rockefeller Foundation), entre outros. Tamén traballa con festivais como Róterdam, Xixón ou Berlinale Forum.

VIRGINIA GARCÍA DEL PINO

Licenciada en Belas Artes, compaxina a súa carreira como cineasta coa docencia no Máster en documental da Universidade Autónoma de Barcelona. A súa obra ten un amplo percorrido internacional en festivais e museos de arte contemporánea. A súa primeira longametraxe, El jurado (2012), estreouse na sección oficial do FID Marsella. En 2013, o Festival Márgenes e o Festival L’Alternativa fixeron retrospectivas da súa obra. A súa segunda longametraxe, La 10ª carta (2014), estreada no Festival de San Sebastián, é un retrato do consagrado cineasta Basilio Martín Patino. En 2018, Improvisaciones de una ardilla gaña a Biznaga de prata do Festival de Málaga á mellor curtametraxe documental. Respirar, correr, mirar (2018) é unha instalación de vídeo e expúxose en Bombas Gens, Tabakalera, Centro Montehermoso e na última edición do FICX.

GEMMA VIDAL

Traballou en vendas internacionais, produción e programación de festivais; así como coordinadora de produción na produtora e distribuidora Avalon, sendo encargada de proxectos de longametraxes e series de TV entre os que se inclúen Apuntes para una película de atracos, Mapa ou María (y los demás). Actualmente é a responsable de La Incubadora de The Screen (ECAM), programa de desenvolvemento de longametraxes, e foi experta externa para desenvolvemento de longametraxes do Programa MEDIA Creative Europe. Como produtora, o seu último traballo é a curtametraxe Todas íbamos a ser reinas, de Ana Catalá, seleccionado en Montréal, Seminci e Xixón, entre outros.

ALFONSO ZARAUZA

Director e guionista compostelán, con experiencia en cinema e televisión, debutou coa longametraxe La noche que dejó de llover (2008). En 2013 rodou os seus dous seguintes traballos, Encallados e Os fenómenos, estreada na sección oficial do Festival de Málaga en 2014 a película conquistou os XIII Premios Mestre Mateo do audiovisual galego como mellor longametraxe, mellor guión e mellor dirección. Acaba de finalizar a rodaxe da súa nova película de ficción, Ons.