No peche da Edición Ø, Novos Cinemas puxo en marcha a realización dun dos seus proxectos máis desexados: os obradoiros de longa duración.
O primeiro deles, que xiraba ao redor da idea da contemplación e a paisaxe, foi impartido polo cineasta galego Lois Patiño.
En seis sesións, repartidas entre os meses de marzo
e xuño, propuxémoslles ao cineasta e aos doce alumnos universitarios, seleccionados para participar neste obradoiro de creación, que utilizasen o marco que proporciona o río Lérez para realizar as súas investigacións formais.
Retomando o leitmotiv do río, podemos celebrar agora que o fluír das augas desemboque nesta Edición 01. Como en toda boa viaxe, en Novos Cinemas sabemos que o camiño sempre é o máis importante.
É sempre fascinante comprobar como, ante un mesmo obxecto de contemplación ou de reflexión, as ideas que se espertan comezan a multiplicarse. No noso caso, o río Lérez era o destino das nosas miradas. O río, con toda a súa forza simbólica; e o río Lérez, coa súa particular identidade. Eran moitas miradas pousadas nel e aos poucos as diferentes propostas comezaron a chegar.
O cinema está nos ollos do cineasta nunha dobre viaxe da mirada: unha que atrae cara a ti o cinema que descobre no mundo, e outra que proxecta cara ao mundo o cinema que se esperta en ti. Nas pezas realizadas neste obradoiro temos exemplos variados dentro deste espectro. Desde pezas que se agarran máis ao real, retratando con intimidade espazos do río, ata obras que toman o río como escenario onde facer estalar o seu mundo interior.
Hai un elemento que se repite con insistencia en varias das obras: os reflexos no caudal do río. Creo que non é só debido á fascinación hipnótica á que induce a súa contemplación, senón tamén ao seu carácter liminar, como fronteira visible entre dous espazos de diferente natureza: a auga e o aire –como se reflicte nalgunhas das pezas–. A superficie da auga condensa así tres imaxes, como unha pantalla: o fondo do río se a auga está clara, o espazo exterior ao actuar como espello e a propia materialidade da auga.
Creo que este obradoiro ten un gran valor non só polo que o alumno poida aprender nas clases, senón principalmente polo que se descobre nun mesmo ao reflexionar sobre o seu propio traballo. Creo, ademais, que escoller o río Lérez é unha gran decisión porque se fomenta así tamén un vÍnculo creativo co teu propio espazo.
Lois Patiño
COA PROXECCIÓN DOS TRABALLOS DOS PARTICIPANTES NO OBRADOIRO:
NAUFRAGIO

Lucía Estévez (Vigo, 1994)
Estudante de 4º Comunicación Audiovisual UVIGO. Está producindo a súa primeira curta, Volver allí (2015).
LIBERDADE

Santiago Novas (Vilaboa, 1980)
É membro do grupo de investigación do departamento de pintura da Facultade de Belas Artes e actualmente realiza un programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola UVIGO.
RUXIDA

Alvaro Larriba (Pontevedra, 1991)
Técnico superior de son pola EISV e estudante de 4o Comunicación Audiovisual UVIGO.
ANVERSO

Aldara Pregue (Santiago de Compostela, 1990)
Estudou produción audiovisual en O Raio Verde; actualmente cursa o grao en Comunicación Audiovisual na UVIGO.
ESPECTRORIUM

Judith Cerqueiro “Adataberna” (Vilaboa, 1992)
Cursa Belas Artes e realiza campañas como fotógrafa de moda para Sora & Sora ou Kling.
RESILENCIA

Marta Rodríguez (Nigrán, 1994)
Estudante de 3º Comunicación Audiovisual UVIGO. En 2015 foi meritoria de montaxe na longametraxe María y los demás de Nely Reguera.
RÍO ARRIBA

Félix Carpio (Xixón, 1983)
Técnico superior en imaxe polo Centro Internacional de Imagen y Sonido CIDISI, Noreña. Participou no Professional Research program, Kunstgut Free Arts School, Berlín. Na actualidade cursa o Grao en Belas Artes da UVIGO.
CURVAS E ONDAS

Claudia Alonso (Tomiño), Cristina Burgos (Portonovo)
Estudantes de 3º Comunicación Audiovisual UVIGO.