+Formación

A formación continua é un dos eixos da liña editorial de Novos Cinemas e conxuga unha vertente teórico-divulgativa cunha práctica. Todas as actividades foron deseñadas tendo en conta a idade, os niveis de coñecemento, as competencias e as habilidades dos participantes.

Un obradoiro de cinema paisaxístico impartido por Lois Patiño durante o segundo cuadrimestre do curso académico (Mirar o río), un taller de fotografía primitiva dirixido aos máis novas (Luz·Tempo) e un seminario ditado por José Luis Guerin (New, Nuovo, Nouvelle!), conforman o programa formativo da Edición 01 de Novos Cinemas.


O Espazo CREA S2i nace da necesidade de unir formación e visibilización dos novos talentos do audiovisual galego. O campus de Pontevedra conta con tres graos directamente relacionados con esta temática: Comunicación Audiovisual, Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas, sendo estes dous últimos únicos no Sistema Universitario Galego.

O Espazo CREA S2i non só promove a comunicación e promoción de valores culturais, senón que crea diálogos entre a tecnoloxía e os procesos creativos, afondando nas narrativas audiovisuais para a transmisión de información e emocións, en definitiva, contar historias dun xeito distinto, dun xeito creativo, dun xeito innovador.

Partindo destes preceptos, trataranse ao longo de seminarios e obradoiros temas como a alfabetización cinematográfica, o cine postmoderno, novos perfís e procesos de creación audiovisual, o cine e formatos non tradicionais, o videoarte, o Big Data e a visualización de datos. Igualmente, haberá un espazo para a proxección dos traballos que se elaboren dentro destes obradoiros.