FOCO: BAS DEVOS

Un dos autores novos con máis proxección do cinema europeo contemporáneo, o belga Bas Devos é autor de tres longas –dúas delas estreadas este mesmo ano, laureadas na Berlinale e Cannes–, nas que indaga con precisión sensible nos traumas e fendas da Europa do século XXI. Retratos urbanos dunha Bruxelas entendida como microcosmos dun mapa físico e emocional máis amplo,  os seus filmes achéganse con ollada humanista á incomunicación ou aos íntimos efectos da violencia terrorista, sen renunciar a atopar novos e esperanzadores camiños para o entendemento e a existencia común.

Novos Cinemas adica por vez primeira no noso país un foco ao cinema de Bas Devos, ademais de contar ca estrea nacional da súa última longa, Ghost Tropic, presentada no pasado festival de Cannes.


 

Bas Devos naceu en Zoersel, Bélxica, en 1983. Despois de facer catro curtametraxes, completou a súa primeira longametraxe, Violet (2014). A película proxectouse na sección Generation da Berlinale, onde gañou o Gran Premio do Xurado Internacional Generation 14plus. A súa segunda longametraxe, Hellhole (2019) estreouse en Berlinale Panorama e gañou o premio ao mellor director en Hong Kong. Ghost Tropic (2019) protagonizada por Saadia Bentaïeb é a súa terceira película.